O Concello de Silleda pon en marcha un curso intensivo de español para persoas inmigrantes adultas

O Concello de Silleda organiza un novo curso no marco do programa Anduriña,  de alfabetización e inserción sociocultural dirixido á poboación inmigrante adulta, unha iniciativa impulsada polo departamento de Benestar Social co obxectivo de favorecer a inclusión, a autonomía persoal e a participación social das persoas inmigrantes asentadas no municipio.

O curso, de español intensivo  dará comezo o 28 de xaneiro e desenvolverase ata o 27 de febreiro, aínda que existe a posibilidade de ampliar a súa duración no caso de que haxa demanda. As sesións impartiranse os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas, na Casa da Xuventude de Silleda.

A actividade está dirixida a persoas inmigrantes adultas residentes no concello e ten como finalidade mellorar as competencias básicas de lectoescritura, así como facilitar o coñecemento da contorna, dos recursos municipais e da realidade sociocultural de Silleda, favorecendo así a súa integración plena na vida comunitaria.

As inscricións son gratuítas e poderán realizarse a partir deste  luns 19 de xaneiro, tanto de maneira presencial no Departamento de Benestar Social como a través do teléfono 986 59 20 37.

Desde o Concello de Silleda, que a través do Programa Anduriña vén organizando clases de español e galego (tamén para persoas inmigrantes menores)  destácase a importancia deste tipo de accións formativas, que forman parte dunha estratexia máis ampla de apoio á diversidade e á convivencia, reforzando o compromiso municipal cunha sociedade máis inclusiva, cohesionada e igualitaria.