Silleda, 1 de outubro de 2016. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Klaus Brey, poñerá en marcha un programa de formación de compostaxe no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira.
Esta actuación ten por finalidade a realización de compost a partir da recuperación de materia orgánica que se separa no comedor escolar do centro, con cociña propia, no que xantan 130 persoas. Esta materia reutilizarase nos composteiros facilitados por Sogama que se van instalar no recinto escolar. Alí mesturarase a materia organiza con estruturante (resto de podas e desbroces aportados polo Concello) que se convertirá nun fertilizante natural rico en nutriente e libre de produtos químicos.
Este compost aplicarase por parte co CEIP na creación de hortas propias para cultivar produtos coma tomates, leitugas, pementos… que se usarán na elaboración dos menús do colexio, pechando un ciclo vital.
“O CEIP da Bandeira onde hai dous anos xa se creou unha horta a través dun certame escolar, con produtos que tamén se entregaron ao programa Silleda Solidaria será o protagonista deste programa piloto de compostaxe que queremos trasladar de xeito progresivo”, indica o concelleiro Klaus Brey, agradecendo tamén á comunidade educativa da Bandeira o seu traballo, implicación e ilusión ante a iniciativa.
Para todo este proceso contarase co asesoramento técnico de dúas mestras compostadoras da Deputación de Pontevedra, que prestarán os seus coñecementos e impartirán charlas tanto ao alumnado coma o profesorado, ademais de realizar un seguemento ao longo do curso sobre este proxecto.
“Os máis novos, o noso futuro, son un eslabón clave nas accións medioambientais por iso este proxecto se presenta cunha dimensión tamén didáctica e estamos seguros de que será un éxito”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
Esta iniciativa ofertouse tamén ao outro centro público do municipio, o CEIP de Silleda, onde xa existe un proceso distinto de recuperación da materia orgánica sobrante no comedor. Así mesmo, neste recinto escolar non se dispón de lugar axeitado para a colocación tanto das horas como dos composteiros.
Así mesmo, dende o departamento municipal de Medio Ambiente estase a estudar cos técnicos da Deputación a ubicación de composteiros comunitarios na vila de Silleda. A día de hoxe só se axustaría as características requeridas polo programa provincial (número de viviendas, espazo necesario…) o entorno da praza da Feira Vella.
Dende o goberno municipal, tal e como xa explicou o alcalde no último pleno, esta última opción non gusta moito ao estar preto un parque infantil e ser unha das poucas prazas da vila, polo que se continuarán vendo outras alternativas.
Programa reciclaxe 2017
Por outra banda, Silleda volverá ser outro dos puntos de atención da campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama en colaboración con Ecoembes, Ecovido e os sistemas integrados de xestión de pilas.
O departamento municipal de Medio Ambiente vén de pechar a programación do vindeiro ano coincindo coa celebración de diversos actos, e que contará coa instalación, segundo os casos, dun aula móbil, inchables ou obradoiros.
O programa comezará durante a celebración da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, en xuño, coa instalación dun tráiler no recinto feiral; e continuará na Romaría do Rapaz, (con aula móbil e obradoiros) e na Festa da Empanada da Bandeira, en agosto.
Recollida de plásticos agrícolas. Avisos ata o día 21
Noutra orde, a concellería de Medio Ambiente e a de Medio Rural, que dirixe Jesús Taboada, manteñen aberto ata o vindeiro 21 de outubro a recollida de avisos para retirar os plásticos agrícolas no rural.
Os interesados poden anotarse chamando aos teléfonos 986 581028 e 986 180245. Esta será a segunda fase do programa no que vai de ano. Na primeira, realizada en abril, retiráronse un total de 77.000 kilos de plásticos agrícolas, atendendo ás peticións de 104 usuarios.