O Concello de Silleda pon en marcha un servizo de asesoramento pedagóxico e familiar

Silleda, 17 de abril de 2020-.  O Concello de Silleda continúa implementando servizos e atención á poboación ante a situación sen precedentes creada pola expansión do COVID 19. Así, e ante a situación que viven moitas familias que se viron na obriga de reorganizar os seus quefaceres debido ao confinamento decretado, ofertase un novo servizo de asesoramento pedagóxico e familiar.

Tendo en conta ademais do confinamento e aillamento social, cuestións coma o Teletraballo determinado en moitos casos por falta de medios tecnolóxicos, falta de organización espacial no fogar, ou mesmo falta de conciliación; a reformulación do sistema educativo formal, coa realización de tarefas académicas no fogar (en moitos casos con fillos e fillas que acuden a diferentes niveis e tamén ás veces sen medios tecnolóxicos), a inestabilidade económica ou laboral, u a reorganización de normas internas no fogar , preténdese axudar ás familias que o precisen a tratar de xestionar esta situación nunca antes vivida.

Dende  o departamento de Benestar Social, que coordinará o novo servizo a través da Educadora Social, advírtese que as emocións deben xestionarse de xeito vertical, é dicir, os proxenitores deben manter unha saúde emocional para dar respostas ás súas propias necesidades e ás que presenten o resto de membros da familia.

Así, entre os obxectivos marcados figuran : dar ferramentas para manter unha boa convivencia nos fogares silledenses, outorgar aos usuarios e usuarias de recursos para xestionar as emocións e sentimentos derivados do confinamento; proporcionar técnicas adaptadas a cada familia en función das características e necesidades da mesma.; fomentar unha crianza positiva; ofrecer recomendacións para sobrelevar o confinamento e dar resposta ás inquedanzas propias de cada familia.

O servizo ofrecerase mediante atención telefónica, en horario de 9:00 a 13:00 h no teléfono 986592037 (Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Silleda). Todas as cuestións serán atendidas pola Educadora Social e, de ser necesario, derivará os casos a outros/as profesionais de así requerilo a propia situación tratada (psicóloga, traballadora social…).

Este servizo vén a complementar outras actuacións que se están a levar a cabo dende o Concello dende a declaración do Estado de Alarma, como a entrega a domicilio das tarefas escolares, a atención psicolóxica, e en xeral, a resposta e axuda a todas as persoas e familias que o están a solicitar.