-Será a través da subvención da Deputación de Pontevedra para a Sinalización do patrimonio histórico. Ademais de mellorar o cerre e colocar un novo panel instalaranse sinais indicativas para chegar ata este xacemento, un dos máis antigos de Galicia
Silleda, 29 de setembro de 2020. O Concello de Silleda continúa apostando pola sinalización e posta en valor do seu amplo patrimonio arqueolóxico. Así, e novamente a través da liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural, a seguinte actuación terá como protagonista a Mámoa da Chousa Nova-1, sita en Campomarzo , na parroquia de Abades.
O túmulo foi excavaco, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal entre os anos 2007 e 2010, durante as obras de construcción da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) Ourense-Santiago.
Para continuar ca súa posta en valor, acometerase este proxecto que inclue limpeza, nova sinaléctica e reparación do peche de madeira que rodea o recinto e que se atopa danado nalgún punto.
En canto á sinalización, colocaranse un novo panel explicativo, que incluirá textos e códigos QR redactados e supervisados por un arqueológo/a, na área de protección deste elemento.
Tamén se colocarán paneis indicativos direccionais para chegar ata o lugar, na Bandeira e no cruce de Campomarzo.
O custe total do proxecto, que se vén de presentar á liña de actuacións da Deputación para a posta en valor deste patrimonio, supera os 5.500 euros.
“Con esta iniciativa queremos continuar poñendo en valor o legado arqueolóxico de Silleda, de gran valor, logo de mellorar a sinalización dos petroglifos e outros xacementos da zona sur do municipio nos últimos anos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Durante os traballos de excavación do túmulo,que os expertos sitúan entre o ano 4340 e o 4260 a.C., converténdoa nunha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia, atopáronse pezas de gran valor. Así, no interior da cámara atopouse un colar de doas de ámbar e variscita, que da conta da existencia do intercambio comercial nesta época prehistórica.
A peza foi a máis antiga das recollidas na mostra Galicia, un relato no mundo, que estivo hai uns meses no Gaiás.