Silleda, 13 de novembro de 2019. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Medio Ambiente, que dirixe Klaus Brey, poñerá en marcha nas vindeiras semanas un programa de compostaxe doméstica. Esta iniciativa vén de recibir o visto bo do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que a través do Plan Estatal Marco de Gestión de Residuos (PEMAR) outorga ao Concello de Silleda unha subvención de 13.280 euros, que corresponde ao 80% do total do proxecto, cun investimento de 20.086 euros.
Este programa sumarase a campña de información, e sensibilización sobre os beneficios da compostaxe de materia orgánica que se veu realizando nos últimos anos, con iniciativas coma o Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, ou a iniciada en 2015 co reparto de composteiros individuais a través de Sogama.
“Con este programa buscamos mellorar a reducción da fracción orgánica mediante a implantación dun proxecto piloto de xestión en distintas zonas do rural”, explica o concelleiro.
Precisamente será nas parroquias do rural onde se ubiquen os composteiros, para reducir a cantidade de residuos dos colectores orgánicos e con eles os custes de xestión e transporte. Nos vindeiros días estableceránse os lugares de ubicación dos composteiros, nos que se estima que se poderán valorizar –tendo en conta os parámetros establecidos polo programa para chegar a unha poboación de 300 habitantes- en torno a 54.750 kilos anuais de residuos.
O programa inclue a formación dos participantes, sesións en centros educativos, obradoiros práticos, e tamén a elaboración dun Manual de Boas Práticas de Compostaxe Doméstica no Concello de Silleda.
Outra das claves da iniciativa será a colaboración das asociacións veciñais nos lugares onde se implante. Todo o proceso contará co pertinente seguimento técnico.
Silleda foi un dos 11 municipios de toda Galicia que recibiu as axudas a través do citado PEMAR 2019, xunto cos concellos de Fisterra, Soutomaior, A Coruña, Ames, Moaña, Lugo, Vimianzo, A Pobra, Antas de Ulla e Sanxenxo.