Silleda, 20 de novembro de 2017. O Concello de Silleda volverá a estar presente no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais que celebrara a súa décima edición do 1 ao 3 de decembro próximos no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Silleda participa xunto a outros concellos no stand da Deputación de Pontevedra, con diversas publicacións e actividades levadas a cabo dende o departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Pilar Peón.
A lingua será protagonista nesta décima edición do certame, polo que dende o Concello se presentarán distitnas iniciativas levadas a cabo baixo o lema “Aloumiñando o galego”, para o que se editarán ademais unhs dípticos informativos.
Nestes recollese información sobre proxectos coma o programa Silleda Agasalla, -que celebra este ano a 4ª edición e que está dirixida ao comercio en colabroación coa comunidade educativa-, ou o exitoso concurso de microrrelatos, que se celebra dende hai seis anos tamén cunha elevada participación.
O concurso de cómic da Biblioteca Municipal Daniel Castelao ou as caixas de benvida do programa Aloumiños , que se regalan aos recén nados que se empadroen no municipio son algunhas das actividades que se difundirán no Cultural este ano. Tamén se fará unha presentación das iniciativas para o público.
“Queremos dar a coñecer, ao igual que nos últimos anos, actuacións que estamos a levar a cabo, neste caso no ámbito da promoción do uso do galego, en ámbitos coma o educativo, o familiar, ou o sector comercial”, indica a concelleira Pilar Peón.