O Concello lanzará oficialmente o plan coincidindo co Día da Saúde Mental, o vindeiro 10 de outubro
O Concello de Silleda presentará nas vindeiras semanas o Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027, un programa ambicioso que ten como obxectivo fortalecer a saúde mental da cidadanía mediante unha serie de medidas integrais que cubran as necesidades de diversos grupos de poboación. O plan artéllase en cinco liñas de actuación que abordan dende a prevención de problemas de saúde mental ata a atención específica a colectivos especialmente vulnerables, asegurando un enfoque adaptado á realidade local. A elaboración deste plan era un compromiso electoral do goberno municipal, que agora se materializa nunha estratexia clara e decidida para mellorar o benestar da veciñanza.
A maior novidade deste plan é o programa «Silleda Acompaña», un servizo que se establece como o eixo central de todas as accións relacionadas coa saúde mental no municipio. «Silleda Acompaña» ofrecerá un servizo de orientación e asesoramento psicolóxico, accesible para toda a cidadanía, e dende o que se levará a cabo unha avaliación das necesidades emocionais das persoas usuarias para , de ser necesario, derivalas a servizos especializados.
Este programa non só proporcionará apoio emocional, senón que tamén actúará como unha ponte cara a outros recursos e servizos, asegurando que cada persoa reciba a axuda que precisa no momento axeitado.
Espazo de escoita e apoio
O servizo «Silleda Acompaña» está deseñado para ser un espazo de escoita e apoio, no que profesionais cualificados guiarán ás persoas no manexo dos seus problemas emocionais e psicolóxicos. Aínda que non se trata dun tratamento terapéutico en sí, o enfoque do programa é proporcionar ferramentas e recursos que permitan ás persoas usuarias xestionar mellor a súa saúde mental, ofrecendo unha intervención temperá e preventiva que pode marcar unha gran diferenza no seu benestar.
Ademais, o plan de Saúde Mental inclúe a implementación de campañas de autocoidado, que buscan promover hábitos saudables para mellorar tanto a saúde física como a mental. Estas campañas levaranse a cabo a través de charlas, obradoiros e actividades en espazos comunitarios e centros educativos, co obxectivo de concienciar á poboación sobre a importancia dun estilo de vida saudable.
Así mesmo, desenvolveranse campañas de concienciación sobre a saúde mental, orientadas a romper estigmas e a sensibilizar á comunidade sobre a importancia do benestar emocional. Estas campañas utilizarán tanto medios tradicionais como dixitais para alcanzar a un público amplo, e complementaranse coa celebración anual do Día da Saúde Mental, que incluirá actividades públicas dedicadas á promoción da saúde mental.
O lanzamento oficial do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027 á cidadanía coincidirá co Día da Saúde Mental, o vindeiro 10 de outubro, reafirmando así o compromiso do Concello de Silleda coa saúde mental e o benestar da súa veciñanza. A coordinación e o éxito deste plan dependerán en gran medida do programa «Silleda Acompaña», que se posiciona como unha peza clave para garantir que cada persoa en Silleda teña acceso aos recursos e ao apoio necesarios para coidar a súa saúde mental. «Con este plan, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa construción dunha comunidade máis inclusiva, resiliente e centrada no benestar de toda a súa veciñanza», indica a alcaldesa, Paula Fernández.