Silleda, 4 de marzo de 2019. O vindeiro 10 de abril arrancará en Silleda un ciclo formativo organizadado dende as concellerías de Emprego e Comercio con varios obxectivos. As dúas sesións previstas serán impartidas por Dhais, servizos de consultoría, unha entidade creada por dous mozos silledenses ao amparo do viveiro de empresas do IES Laxeiro.
“Esta iniciativa xurdiu logo dun encontro que mantivemos coa directiva de ECOS e despois de estudiar a oferta de servizos desta nova entidade formada por dous emprendedores do noso municipio”, explica a concelleira de Emprego, Ana Luisa González.
O ciclo contará con dúas sesións formativas. A primeira, prevista para o 10 de abril na Casa da Cultura de Silleda,-ás 20:30 horas, baixo o lema Cómo emprender na era dixital, abordaránse distintos mecanismos e propostas para todas aquelas persoas que estando en situación de desemprego teñan unha idea que queiran desenvolver, ofrecendo tamén ferramentas para mellorar a competitividade a nivel comercial.
Para o día 7 de maio está previsto celebrar a segunda sesión sobre a rendabilidade comercial a través de dúas perspectivas: o comercio on-line así como o servicio pre e post venta e a optimización de recursos.
“Cremos que son cuestións de interese para os nosos comerciantes, empresas, e persoas que decidan emprender”, sinala o concelleiro de Comercio Benito Saavedra.
Con esta iniciativa dende o Concello de Silleda continúase apostando por colaborar con sectores coma o comercio con accións formativas que axuden a mellorar a competitividade.