A iniciativa ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor a figura e a obra dun dos pintores máis destacados da historia da arte galega coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento
Solicitarase o apoio das distintas asociacións e entidades culturais do municipio e da comarca para reforzar esta petición á Academia das Artes de Galicia
O Concello de Silleda elevará unha proposta á Real Academia das Artes de Galicia para adicar o Día das Artes Galegas nos vindeiros anos ao ilustre artista sillendense Manuel Colmeiro Guimarás.
Esta iniciativa ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor a figura e a obra dun dos pintores máis destacados da historia da arte galega, que faleceu hai agora 25 anos. A proposta, que será elevada ao Pleno da Corporación, vén a completar as iniciativas para difundir o amplo legado de Colmeiro, a quen se lembraba con distintos actos a semana pasada coincidindo co aniversario do seu pasamento.
Dende o Concello de Silleda tamén se solicitará o apoio das distintas asociacións e entidades culturais do municipio e da comarca para reforzar esta petición á Academia das Artes de Galicia.
Manuel Colmeiro Guimarás: Un referente da arte galega
Nado na parroquia silledense de Chapa, Manuel Colmeiro Guimarás (1901-1999) destaca pola súa contribución ao desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia. Emigrado a Bos Aires de neno, Colmeiro formouse artisticamente nesta cidade arxentina, onde entrou en contacto coas vangardas europeas e latinoamericanas. Posteriormente, viaxou a París, onde perfeccionou a súa técnica e desenvolveu un estilo propio, caracterizado polo uso de cores vivas e formas simplificadas, cunha clara influencia do cubismo e do fauvismo.
Colmeiro foi un dos principais impulsores do Movemento Renovador da Arte Galega, xunto a outros artistas como Carlos Maside, Manuel Torres, Arturo Souto ou Laxeiro. A súa obra abarca desde escenas rurais galegas ata composicións abstractas, sempre coa intención de reflectir a esencia e a identidade de Galicia. Entre as súas obras máis destacadas atópanse «A Eira» e «As Lavandeiras», exemplos do seu compromiso coa cultura e a paisaxe galega.
O Día das Artes Galegas é unha iniciativa organizada pola Real Academia Galega das Artes dende o ano 2015. Esta celebración, que ten lugar o 1 de abril de cada ano, busca homenaxear a figuras senlleiras da arte galega, recoñecendo a súa traxectoria e o seu legado. Ao longo dos anos, foron homenaxeados artistas como Castelao, Maruja Mallo ou Luís Seoane, entre outros. Este ano 2024 adicouse ao escultor Francisco Asorey e para 2025 o homenaxeado será Isaac Díaz Pardo.
A proposta do Concello de Silleda para adicar o Día das Artes Galegas a Manuel Colmeiro Guimarás representa unha oportunidade para dar a coñecer a vida e a obra deste artista fundamental, así como para fortalecer o vínculo entre a comunidade local e o patrimonio cultural galego.