-Hoxe xoves son 10 os casos activos e o veciño que estaba ingresado na UCI pasou xa a planta. Tamén se retoman as actividades culturais, que ao igual que as deportivas, contarán cas preceptivas medidas de seguridade e hixiene
Silleda, 1 de outubro de 2020. O Concello de Silleda voltaba hoxe á nova normalidade logo de que o comité de expertos da Consellería de Sanidade autorizara o abandono das restriccións pola incidencia da COVID-19. Hoxe martes celebrouse a última videoconferencia do alcalde, Manuel Cuiña, cos responsables da área sanitaria de Santiago.
Na xuntanza informouse que a día de hoxe o número de casos activos no municipio é de 10. Ademais tamén se deu conta “dunha boa noticia, xa que o veciño de 50 anos que levaba varias semanas na UCI pasou xa a planta, algo do que nos alegramos moito e ao que lle desexamos unha pronta recuperación”, engade o rexedor.
Por outra banda, as restriccións que dictou o Concello de Silleda con anterioridade á entrada en vigor das autonómicas, comezarán a levantarse de xeito progresivo.
Así, os parques infantis reabriránse ao público o vindeiro luns, ao igual que as instalacións deportivas (para as que se conta xa cun protocolo de uso específico) e os centros sociais do rural.
“Temos que ir a modo, con moita precaución e coidado para non dar un paso atrás”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Neste senso, Cuiña lembra que o Concello xa dispón dun protocolo para a utilización de instalacións tanto culturais como deportivas, que se facilitará a todas as persoas usuarias nos vindeiros días a través da páxina web municipal.
Escolas deportivas e actividades culturais con reserva de prazas
Do mesmo xeito, as actividades culturais que estaban aprazadas dende o pasado día 16, cando entraron en vigor as restriccións da Xunta de Galicia, retomanse a partir da vindeira semana, coas medidas de seguridade e hixiene pertinentes. Así, será preciso reservar para asistir a estas.
En canto ás escolas deportivas, o inicio veuse retrasando á espera da evolución dos casos no municipio e da situación nos centros escolares, tendo en conta que a maioría dos participantes son menores de idade.
Neste senso, nos últimos días celebráronse varias reunión para avaliar a súa celebración. Decidiuse abrir tamén a partir da vindeira semana un prazo de preisncripción, só nalgunhas das actividades (valorouse a celebración en función das características propias de cada disciplina).
Nas próximas horas darase a coñecer ao público o listado de escolas deportivas para as que se abre a inscrición, e que se rexerán por un protocolo de actuación con cuestións específicas para cada caso.
Setestrelo e Marionetas e Guitarras no Camiño en Carboeiro
As actividades culturais retómanse a partir do venres día 9. Todas contarán con aforo limitado e será necesario reservar praza chamando ao 986 580000, en horario de 08:00 a 15:00 horas.
O venres día 9 celebrarase o espectáculo familiar musical “Setestrelo”, de Odaiko, incluido na rede Cultura no Camiño. A cita será as 20:30 no auditorio da Semana Verde de Galicia.
O sábado 10, domingo 11 e luns 12 terá lugar no mosteiro de Carboeiro o espectáculo “Marionetas e guitarras no Camiño”, do programa O Teu Xacobeo, con Viravolta Títeres e o recoñecido guitarrista Fernando Reyes. Haberá funcións os tres días ás 12:00 e ás 17:00 horas.
Os dous espectáculos son gratuitos e será necesario reservar para asistir.