-Na xornada de mañá colocaránse novos colectores, que chegarán tamén a puntos do rural. O servizo contempla a recollida a domicilio, tamén sen custes, para os establecementos hostaleiros
Silleda, marzo de 2022. O Concello de Silleda, a través da concelleira de Medio Ambiente que dirixe Pili Peón, vén de reactivar e ampliar a recollida de aceites de cociña usados no municipio.
Así, a firma Green Ambiental será a encargada de realizar esta recollida, que se mellora co novo contrato.
Nas últimas xornadas xa se procedeu á retirada dos antigos colectores e limpeza das zonas nas que se atopaban e na xornada de mañá xoves iniciarase a colocación dos novos recipientes na vía pública, a maioría deles formando parte das “illas” medioambientais onde se atopan colectores para outros residuos.
En total haberá 18 puntos de recollida sitos nas localidades de Silleda e da Bandeira así como en tres puntos do rural: Cira, Escuadro e Laro.
Na vila de Silleda instalaránse na rúa María Colmeiro, no cruce de Venezuela e Alonso Paz, rúa Trasdeza (2 unidades), avenida do Parque –tamén con outros dous recipientes), ao final da rúa Venezuela; Barrio do Campo; rúa da Estación; República Arxentina; rúa Condes do Deza; e na Ronda de Outeiro.
Na Bandeira, haberá dous en distintos puntos da rúa Xeral e outro na rúa da Feira.
En Laro estará xunto ao grupo de colectores da rotonda de Freixeiro; en Cira no campo da Festa e en Escuadro xunto ao centro social.
Servizo para hostalería
Así mesmo, todos os establecementos hostaleiros que o desexen poñerán dispoñer deste servizo, sen custe algún, a través da firma Green Ambiental.
“Con esta renovación e ampliación vimos a mellorar a recollida de aceites usados”, indica a concelleira de Medio Ambiente, que lembra que a xeración de aceites vexetais usados procedentes do uso doméstico representa unha problemática en canto á súa xestión.
Así mesmo, Peón fai un chamamento á veciñanza para o uso correcto destes colectores e apela á colaboración á hora de reciclar os aceites usados, de cara a unha axeitada reciclaxe que garanta a súa correcta xestión.