Silleda, 7 de xaneiro de 2016. O Concello de Silleda recaudou un total de 448, 58 euros dentro das actuacións con carácter solidario do programa de Nadal. Esta cantidade, tal e como se informou dende o programa Silleda Solidaria, destinarase á axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados saharauis, que viviron nos últimos meses unha situación de urxencia extrema ao devastar as choivas torrenciais milleiros de fogares e edificios públicos.
Dende o Concello recadáronse 410,58 euros nun total de seis actos do progama de Nadal, aos que se suman outros 38 euros logrados coa venda de libros descatalogados da biblioteca (coa actividade “A arbore que se fai e desfai”).
“Un ano máis temos que agradecer a solidariedade dos moitos veciños e veciñas de Silleda que participaron en distintas actividades de Nadal e que fixeron as súas aportacións con esta causa solidaria”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Estos 448 euros súmanse aos outros 1.000 euros aportados polo Concello de Silleda o pasado mes de novembro, como axuda de emerxencia, ante a grave situación dos campamentos do Sáhara. Os cartos serán entregados para a causa através de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, entidade coa que o Concello de Silleda vén colaborando dende hai anos con distintas actividades.
Así mesmo, dende o Concello faise extensivo o agradecemento a todas as persoas, empresas e entidades que continúan colaborando co programa Silleda Solidaria a través do banco de alimentos ou outras iniciativas.