A concelleira de Sanidade e Educación, Ángela Troitiño, recolleu esta mañá o distintivo na Consellería de Sanidade
Con esta iniciativa, o goberno municipal responde a un mandato directo dos plenos infantís nos que a cativada votou para declarar os parques municipais como ‘Espazos libres de fume’
A concelleira de Sanidade e Educación de Silleda, Ángela Troitiño, recolleu esta mañá na Consellería de Sanidade a acreditación que incorpora a Silleda á Rede Galega de Parques sen fume. Con esta iniciativa, o Concello de Silleda responde a un mandato directo dos plenos infantís celebrados meses atrás, nos que as nenas e nenos dos centros educativos do municipio votaron para declarar os parques municipais como Espazos libres de fume. O acto celebrouse coincidindo co Día galego sen tabaco.
Os carteis que sinalan estas zonas libres de tabaco xa están instalados nos parques da praza Juan Salgueiro e da praza da Igrexa, en Silleda, e tamén na praza Juan Salgueiro, en A Bandeira. Esta acción enmárcase dentro do programa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que busca fomentar espazos libres de tabaco nos concellos galegos.
Silleda comprométese así a colaborar na difusión de materiais informativos e de sensibilización proporcionados pola Consellería de Sanidade. Ademais, o Concello organizará actividades dirixidas á sociedade en xeral para promover os beneficios dunha vida sen tabaco e apoiará iniciativas no ámbito escolar, incluíndo charlas e accións de concienciación.
Con esta acreditación, Silleda avanza na creación de espazos saudables e seguros para a veciñanza.