Silleda, 31 de outubro de 2025. O Concello de Silleda vén de recibir a resolución favorable dunha axuda da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
A subvención, que ascende a 16.380,09 euros, permitirá a contratación dunha persoa moza desempregada durante nove meses a xornada completa, no marco dunha actuación de interese social impulsada polo Concello. O Concello xa lanzou a convocatoria a través do SEPE para a selección dunha praza de peón forestal financiada con esta axuda. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura a través dos canais habituais do Servizo Público de Emprego e dos medios de información municipal.
Esta iniciativa está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea, dentro do Obxectivo político 4 “Unha Europa máis social e inclusiva”, e concretamente na Prioridade 5 “Emprego xuvenil”, que ten como finalidade mellorar o acceso ao emprego e ás medidas de activación das persoas demandantes, con especial atención á mocidade, ás persoas desempregadas de longa duración e aos colectivos con máis dificultades de inserción laboral.
O Concello de Silleda valora positivamente esta resolución, que permitirá seguir promovendo políticas activas de emprego e ofrecer novas oportunidades laborais á mocidade do municipio, ao tempo que se reforzan servizos de interese xeral para a cidadanía.
A contratación deberá formalizarse baixo a modalidade específica de interese social, e cumprir cos requisitos e obrigas establecidos na orde de convocatoria, incluíndo a visibilización do financiamento europeo mediante a instalación de carteis informativos e a difusión correspondente.
