Silleda, 3 de outubro de 2015. O Concello de Silleda recuperará a cantidade que se destinou no ano 2012, dentro do Plan de Inversións da Deputación (PID), ao proxecto de instalación dun elevador na Casa da Cultura, cunha dotación de case 31.182,80 euros.
Esta actuación licitouse no seu día por parte da Deputación sen que se presentara ningunha empresa e quedando o concurso deserto.
Dende o Concello de Silleda solicitouse a recuperación destes fondos, que lle correspondían, e o pleno do organismo provincial deu o visto bo a semana pasada.
“Grazas á dilixencia do novo goberno da Deputacion de Pontevedra o Concello poderá recuperar esa cantidade para destinala a outras inversións, mellorando a calidade e atención nos servizos que ofrecemos aos nosos veciños e veciñas”, indica o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña.
A necesaria dotación do ascensor na Casa da Cultura, para facilitar o acceso a este edificio público, materializouse finalmente a través do Plan de Obras e Servizos (POS) 2015, cunha inversión de 61.000 euros. O Concello xa adxudicou esta actuación e as obras comezarán nos vindeiros días.
Dende o goberno municipal o alcalde explica que o Concello xa está a traballar na confección dun novo proxecto “para invertir eses case 32.000 euros que lle corresponden o Concello de Silleda e que agora se recuperan”, advirte.
Decisión política
Á vista desta medida, Manuel Cuiña sinala que “queda claro que as actuacións pendentes como esta tamén se solucionan cando hai vontade”, e neste senso agradece ao novo executivo provincial a súa xestión para recuperar estes fondos.
“O que tamén se demostra é que hai outros compromisos da Deputación de Pontevedra, -que adquiriu o anterior goberno-, que quedaron no tinteiro, polo que parece ser unha decisión única e exclusivamente política”, recalca Cuiña, lamentando que “pese a que había incluso proxectos técnicos das obras da carretera de Cira e o campo de fútbol da Bandeira, o goberno de Louzán preferiu deixar a Silleda sen estas destacadas inversión, sen consignar nin un céntimo para levalas a cabo”, di.