- A iniciativa, impulsada a través de Silleda Sostible, busca concienciar á veciñanza sobre a importancia de separar ben os envases para garantir un reciclaxe eficaz. Os colectores onde se detecten impropios serán inmovilizados e investigarase a procedencia dos residuos.
Silleda, 1 de abril de 2026. O Concello de Silleda, a través da entidade municipal Silleda Sostible, vén de reforzar a súa campaña informativa para fomentar un correcto uso do colector amarelo e reducir a presenza de residuos impropios, unha problemática que se vén detectando nos últimos tempos e que está a dificultar de xeito importante o proceso de reciclaxe.
A presenza de materiais que non corresponden neste tipo de colectores non só impide unha correcta separación dos residuos, senón que incluso chegou a provocar a paralización da cadea de tratamento na planta encargada da súa xestión, co conseguinte prexuízo ambiental e tamén económico.
Con este obxectivo, os colectores nos que se detecten impropios serán inmobilizados e abrirase un procedemento de investigación sobre a procedencia dos mesmos. Dende o Concello utilizaránse pegatinas informativas para dar conta da inmovilización de colectores amarelos, nas que ademais se advirte, co fin de chamar á responsabilidade cidadá e lembrar que no colector amarelo só deben depositarse envases lixeiros, como latas, bricks, botellas e envases de plástico, así como as posibles fraccións por facer un mal uso.
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, subliña que “é fundamental insistir en que reciclar non é só botar residuos nun colector, senón facelo ben. Cando no amarelo aparecen restos que non corresponden, o esforzo de moitas persoas que si reciclan correctamente vese prexudicado”.
Ademais, engade que “esta campaña busca, sobre todo, informar e concienciar á veciñanza, porque unha boa separación en orixe é clave para que o sistema funcione. Pequenos erros repetidos acaban xerando un problema importante”.
Dende o Concello lémbrase que entre os residuos que non deben depositarse no colector amarelo se atopan, por exemplo, restos orgánicos, vidro, papel e cartón, xoguetes de plástico, utensilios domésticos ou calquera outro material que non sexa un envase lixeiro. Nestes casos, cada residuo debe ir ao colector correspondente ou, se procede, ao punto limpo.
A campaña tamén lembra que o depósito de residuos impropios pode supor unha infracción conforme á normativa vixente en materia de residuos e economía circular.
Non obstante, dende o goberno municipal incídese en que o propósito desta acción é fundamentalmente preventivo e pedagóxico, facendo un chamamento á colaboración veciñal para mellorar entre todos e todas a calidade da reciclaxe no municipio.
“Temos que avanzar cara a unha Silleda cada vez máis sostible, e iso pasa tamén por algo tan sinxelo e tan importante como usar ben cada colector. A colaboración da cidadanía é imprescindible para conseguilo”, sinala o edil.
O Concello de Silleda anima á poboación a resolver calquera dúbida sobre a separación de residuos e insiste en que unha reciclaxe correcta contribúe a protexer o medio ambiente, optimizar recursos e mellorar a eficacia do servizo.
