-Vense de remitir un novo escrito a este organismo reclamando a mellora da seguridade no coñecido como paso de Agro Maior, acompañado de preto de 200 firmas de veciños e veciñas da zona, recollidas polo colectivo A Costa de Abades
Silleda, 4 de novembro de 2020. O Concello de Silleda reitera ante o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) a necesidade de mellorar o paso sobre a vía do tren Zamora-A Coruña, ao seu paso pola parroquia de Abades, no lugar coñecido como Agro Maior.
Esta ponte, na pista que une Piñeiro e Abades, ten o seu firme en mal estado, así como un petril de seguridade que polas súas dimensións impide o paso a vehículos pesados e maquinaria agrícola, o que obriga a moitos usuarios a dar un rodeo de varios kilómetros.
“Dende o Concello de Silleda xa reclamamos en varias ocasións o arranxo deste tramo, e agora volvemos a facelo reforzando esta solicitude cas firmas de preto de 200 veciños e veciñas da zona recollidas polo colectivo veciñal A Costa de Abades”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
O rexedor lembra que a finais do pasado ano o Concello de Silleda investiu preto de 100.000 euros na mellora do firme desta estrada, quedando pendente o arranxo da ponte, titularidade do Adif.
Dende o Concello, que desta vez acompaña un total de 197 firmas de residentes e veciños da contorna, solicitase a reposición do firme o ensanchamento dos accesos e a substitución do petril actual por unha barrandillas ou similiar para que o paso gañe en amplitude.
“A seguridade é o gran obxectivo desta petición que xa foi remitida hoxe mesmo ao Adif a fin de que poida cometerse á maior brevidade posible”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.