-Esta actuación é unha vella demanda dos veciños á vista do grave deterioro das antigas instalacións
Silleda, 1 de xullo de 2016. O Concello de Silleda rematou as obras de construción da caseta que albergará os depósitos veciñais de auga do lugar de A Laxe, na parroquia de Oleiros.
Esta obra, que viñan demandando dende hai tempo os veciños residentes da localidade, iniciouse fai agora case un ano, coa escavación pertinente para a realización da base e onde se asentarán as novas dotacións, que darán servizo a 12 vivendas.
“O lugar onde se atopaban os vellos depósitos estaba moi deteriorado, por iso se facía necesario realizar esta nova construción para que os veciños dispuxesen dun lugar axeitado no que albergar esta instalación de auga potable”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Estas pasadas semanas os operarios municipais do departamento de Obras e Servizos remataron de levantar a caseta onde se ubicarán os depósitos, que aportarán os veciños, “co que terán un servizo para o seu consumo en mellores condicións”, engade Cuiña.
O alcalde, Manuel Cuíña, e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, xunto con numerosos veciños da parroquia, visitaron as novas instalacións cunhas dimensións moito maiores que as anteriores.
Esta actuación súmase a outras obras realizadas nos últimos meses en distintos puntos do rural para mellorar a dotación dun servizo tan básico como a traída de augas.
Así dende o goberno local de Silleda lémbrase que ademais de estender a rede da traída municipal a localidades próximas aos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira, “unha liña que queremos continuar con novas iniciativas”, tamén se colaborou cos veciños na mellora de distintas conducións.