O Concello de Silleda remata a recuperación da área de Covián coa construción dunha pasarela sobre o río Toxa

 

 

Silleda, 20 de marzo de 2013. A área recreativa do muíño de Covián, na parroquia silledense de Rellas, xa conta coa agardada pasarela de madeira que une as dúas beiras do río Toxa. Esta construcción era unha das actuacións máis emblemáticas que aínda quedaban pendentes, e que formaba parte do programa electoral do actual goberno silledense.

A mellora deste entorno completarase nos vindeiros meses coa sinalización da área recreativa e paneis informativos sobre a mesma, así como coa realización de tarefas de limpeza e adecentamento.

O muíño de Covián é unha construcción única na comarca do Deza polas súas características e dimensións. O edificio, que data do ano 1810 segundo a inscrición que reza na entrada, e que foi cedido polos seus propietarios ao Concello de Silleda durante un periodo de 25 anos, ten unha superficie de 82 metros cadrados e catro moas, o que o converte nun dos máis grandes da comarca. O Concello de Silleda iniciou a súa recuperación no ano 2007, durante o mandato de Paula Fernández, a través do Obradoiro de Emprego Ponte da Pedra I, que contou cos módulos de forestal, canteiría e carpintería.

 

“A construcción desta pasarela sobre o río foi unha das promesas que protagonizou a nosa campaña nas municipais, xa que quedara pendente de realizar logo da importante inversión que se realizou a través do obradoiro de emprego, cuns 600.000 euros”, lembra o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, que hoxe visitou o lugar acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Couso. 

A inversión realizada agora, con fondos municipais, achégase aos 10.000 euros, coa dotación da pasarela, limpeza e a colocación de sinais e paneis.

Dende o goberno municipal tratarse de promocionar este entorno natural único,  co muíño como elemento etnográfico e patrimonial, e que está situado ademais a uns 100 metros da Ruta da Prata. A área recreativa de Rellas conta con mesas, bancos e outro mobiliario para uso e disfrute dos cidadáns.