O Concello de Silleda remite a Patrimonio un informe sobre a delicada situación da Ponte Maril, en Fiestras

Silleda, 27 de xaneiro  de 2016.  O Concello de Silleda acaba de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha memoria sobre a situación da coñecida como Ponte Maril, na parroquia de Fiestras, unha construcción medieval sobre o río Toxa que acusa gravísimos danos na súa estrutura por mor das inundacións.

Dende o departamento municipal de Urbanismo elaborouse un completo informe sobre a situación deste paso, que xa só conserva un dos arcos na súa estrutura, que agora se remite a Patrimonio “para ver as posibilidades de elaborar un proxecto de restauración que permita evitar a perda desta construcción histórica e patrimonial”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Tamén se remitiu a mesma documentación ao organismo Augas de Galicia, a fin de que se inicie o expediente que corresponde para ter os permisos en caso de acometer as obras de reconstrucción.

Cuiña explica que os veciños de Fiestras amosaron a súa preocupación pola posible desaparición desta ponte, “que figurou no seu día como elemento de recuperación a través dun obradoiro de emprego, pero que a día de hoxe, segue estando ameazada sempre que se produce un aumento de caudal do Toxa por incremento das choivas, como pasou hai poucos días”, engade. O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou hai varias semanas este enclave para comprobar in situ o estado da ponte.

 

Dende o Concello búscase así o apoio de Patrimonio para evitar que desaparezca esta construcción, que data aproximadamente do século XV