Silleda, 19 de agosto de 2012.- O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, ven de asinar un convenio coa EMPRESA DE TRANSFORMACIÓN AGRARIA, S.A. (TRAGSA), para que os operarios desta firman poidan utilizar as dependencias que se usaban como base do Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR), sitas no parque empresarial Área 33.
Tragsa non contaba na actualidade con instalacións axeitadas e con capacidade suficiente para albergar ao persoal destinado na provincia de Pontevedra, polo que solicitou, ao igual que o pasado ano, a utilización das instalacións dependentes do Concello de Silleda para o seu uso como punto de encontro de brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, xa que se atopa nunha ubicación estratéxica dentro da comarca do Deza.
O convenio entrou en vigor en días pasados estará vixente ata o vindeiro 15 de novembro. A empresa poderá utilizar as instalacións e como contraprestación para o Concello de Silleda, a empresa Tragsa, asumirá actividades compensatorias. Así procederán á limpeza do Parque Municipal das Pedrosas, así como de diversas áreas pertences ao Concello de Silleda no Polígono Área -33.
“Lamentablemente este ano Silleda non conta con operarios do Grumir, pero alomenos as instalacións que se viñan usando nos últimos anos servirán para dar servizo a esta entidade, coa que xa se vén suscribindo acordos nos mesmos termos nestes últimos anos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.