O Concello de Silleda renovará o alumeado na rúa Trasdeza, na entrada dende Lalín

Silleda, 21 de xaneiro de 2016.  O Concello de Silleda acometerá en vindeiras datas a segunda fase de renovación do alumeado na rúa de Trasdeza, na estrada N-525 que atravesa a capital municipal.

Esta actuación realizarase no tramo de entrada á vila dende Lalín, dende a rotonda ata a intersección coa rúa Pintor Colmeiro. Neste tramo substituiránse as actuarias farolas con lámpadas de sodio por outras con luminaria LED.

En total serán 13 as antigas luminarias “globo” que se cambiarán por un modelo similar ao instalado no primeiro tramo da travesía, con maior altura e luminarias LED. Así mesmo, no entorno da rotonda situada na nacional, onde xa hai farolas de maior altura tamén se procederá a substituir as lámpadas actuais por outras LED, tecnoloxía que permite ademais un maior aforro enerxético.

“Con esta renovación, tal e como se pode comprobar no primeiro tramo da entrada a vila dende Santiago, melloraránse as condicións de luminosidade, ao contar con farolas de maior altura e tecnoloxía LED, co

 

que ademais tamén se gaña en seguridade viaria”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Esta dotación acometerase con cargo ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental, na liña de subvencións non competitivas. Acométese pois con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello de Silleda en compensación pola instalación de industrias eólidcas no termo municipal. O orzamento previsto é de 34.000 euros.

“Deste xeito continuaremos coa aposta iniciada o pasado ano para mellorar o servizo de alumeado nos cascos urbanos, con actuacións coma esta que vén a completar a iniciada na travesía principal de Silleda, ou a inversión realizada nas principais ruas, todas con tecnoloxía LED coa que se consigue ademais un maior aforro enerxético”, engade o alcalde.

Aforro do 65 por cento

As subvencións do chamado Fondo de Compensación Ambiental están destinadas, entre outros, a actuacións de protección do medioambiente, entre os que se inclúen proxectos de eficiencia enerxética coma esta, coas que se consegue unha redución da contaminación luminosa e ambiental.

Do mesmo xeito tamén se consegue un maior aforro para as arcas municipais “ao reducirse a facturación na enerxía eléctrica e tamén no mantemento das instalacións”, engade o rexedor.

As actuais lámpadas de sodio que están instaladas no tramo presentan uns redementos moi pobres fronte á tecnoloxía LED , con maior eficacia luminosa e vida útil. Segundo os cálculos estimados, coa este cambio nas luminarias aforraríase un 75% no consumo de enerxía, e ademais de reducirse as emisións de CO2 lograríase un aforro económico do 65% na facturación  ao ano.

“Cremos que se trata dun proxecto que mellorará substancialmente o servizo de alumeado e que continuará o traballo iniciado coa reposición no tramo primeiro, con notable melloría das condicións de visibilidade”, engade o alcalde.

Ademais da rúa Trasdeza tamén se levaron a cabo proxectos de eficiencia enerxética nas rúas Progreso , avenida do Parque, María Colmeiro e Venezuela e na rúa Ramón de Valenzuela da Bandeira.