Silleda, 17 de outubro de 2015. O Concello de Silleda procederá nas vindeiras semanas a acometer a renovación do alumeado público en dous tramos do casco urbano: na rúa da Chousa Nova e na de Condes do Deza.
En ámbolos dous casos as farolas actuais, que se atopan moi deterioradas e nalgún caso carecen xa de luminarias, os puntos de luz serán substituídos polas farolas que se retiraron hai varios meses nas catro rúas do centro, para acometer a renovación do alumeado (estaban na avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e Progreso).
Na rúa da Chousa Nova, que conecta coa avenida do Parque, serán 14 os puntos de luz que se substitúan na marxe esquerda da calzada (en dirección á PO-211, Silleda-Laro). “Trátase dunha zona moi concorrida, onde se ubican o Centro de Saúde, o Centro Social dos Maiores e o cuartel da Garda Civil, ademais de ser un tramo moi transitado polos veciños que acuden ao parque municipal das Pedrosas”, indica o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey.
As 14 farolas que se colocarán son as retiradas do centro de Silleda hai varios meses, e que foron debidamente restauradas e pintadas por operarios municipais.
“Coa actuación que fixemos no seu día nas 4 rúas do centro, logramos ter tamén un acopio de farolas que poderán volver a instalarase noutros puntos do municipio”, indica o concelleiro.
O outro tramo onde se colocarán estas farolas é o da rúa Condes do Deza, que une Morón coa rúa Progreso. Neste caso serán 5 os puntos de luz que se substituirán.
“Esta rúa de Silleda conta tamén con farolas antigas e danadas que se van reponer tamén nas vindeiras semanas”, engade Brey.
Retirada do seto en Chousa Nova
No tramo da Chousa Nova, ademais de renovar as farolas tamén se levará a cabo outra actuación de mellora. Trátase da retirada do seto que bordea o peche exterior do cuartel da Garda Civil e parte do cierre do Centro Social dos Maiores.
O seto acadou unhas dimensións que invaden parte da beirarrúa, e o seu estado (cun deterioro evidente) tamén afecta á seguridade dos viandantes.
“Coa retirada deste peche vexetal as beirarrúas quedarán máis amplas neste tramo, que ao mesmo tempo gañará en seguridade para os viandantes”, engade o concelleiro.