Silleda, 8 de agosto de 2014. O Concello de Silleda procederá á renovación do sistema de iluminación no campo de fútbol da Gandareira, en Bandeira. Esta actuación realizarase a través da subvención que lle corresponde ao Concello do Fondo de Compensación ambiental, que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e reequilibrio territorial. Silleda coma outros municipios que contan con parques eólicos pode optar ás axudas, en compensación por estas instalacións.
O orzamento total da actuación é de 45.241,15 euros, do que o 80 por cento corresponde á citada subvención (algo máis de 36.000 euros).
Este proxecto para a renovación do sistema de iluminación no estadio da Bandeira, onde se prevé que en breve se inicien os traballos de dotación de céspede artificial, foi aprobado en días pasados pola Xunta de Goberno Local, así como os pregos de clausulas administrativas e o expediente de contratación. Así a licitación farase por procedemento negociado, solicitando propostas a varias empresas.
“Con esta actuación pretendemos continuar completando as melloras destas instalacións deportivas, que a día de hoxe non se atopan en boas condicións”, apunta o alcalde Manuel Cuíña.
Con esta actuación tamén se busca optimizar a instalación lumínica do recinto, co consecuente aforro enerxético. Así reducirase a potencia con unha instalación de 16 luminarias repartidas en 4 torres. A dotación será similar a doutros campos de fútbol do municipio, coma do de Outeiriño, en Silleda.
Con esta actuación o Concello vén a dar resposta ao compromiso adquirido coa Deputación de Pontevedra. “Acordamos que o Concello asumiría a renovación do sistema de alumeado mentres que organismo provincial se encargaba de arranxar o terreo de xogo, dotandoo de herba artificial”, engade o alcalde.
A renovación das luminarias, coas catro novas torres, dará paso á mellora integral do campo de fútbol da S.D. Bandeira, que vén de ascender á Segunda Rexional.