Silleda 29 de agosto de 2025. O Concello de Silleda saca a licitación a execución das obras de mellora das infraestruturas viarias na Fase I do parque empresarial Área 33, dentro da liña de subvencións da Xunta de Galicia encamiñadas á habilitación e mellora de parques empresariais da Comunidade Autónoma, convocadas para o ano 2025.
O proxecto, que leva por título “Mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial Área 33 de Silleda”, contempla a intervención en máis de 2,2 kilómetros de rúas que presentan un deterioro progresivo debido ao paso do tempo, ás condicións meteorolóxicas e ao intenso tráfico pesado que soportan a diario. O contrato licítase mediante procedemento aberto simplificado e conta cun prazo de execución de dous meses desde a súa adxudicación.
O investimento total ascende a 137.987,76 euros, dos cales a Xunta de Galicia concede unha subvención de 110.390,21 euros, o que supón o 80% do orzamento. O 20% restante será achegado polo propio Concello a través da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, grazas aos recursos liberados polas xestións realizadas coa administración autonómica, que financiou parte da Avenida do Parque e permitiu minorar as axudas provinciais nese proxecto para destinalas agora ao polígono.
As actuacións inclúen o fresado e reposición do firme nas zonas máis danadas, a aplicación dunha nova capa de rodadura con microaglomerado en frío —un sistema de pavimentación que mellora a adherencia dos vehículos e prolonga a vida útil da estrada— e a renovación da sinalización horizontal e vertical. Ademais, o Concello aproveitará esta intervención para mellorar a seguridade tanto na circulación como no tránsito peonil, reorganizando parcialmente o tráfico mediante a creación de vías de sentido único, o que permitirá á súa vez delimitar mellor as zonas de aparcamento e evitar circulacións cruzadas.
O goberno local subliña que esta intervención responde á necesidade de manter en condicións óptimas unhas rúas que son unha infraestrutura estratéxica para as máis de 80 empresas asentadas no parque, cunha superficie de preto de 290.000 metros cadrados. As empresas interesadas en participar no proceso de contratación teñen de prazo ata o 15 de setembro para presentar as súas ofertas.
Reunión co empresariado o vindeiro xoves
O Concello convocará unha reunión co empresariado do polígono o vindeiro xoves 4 de setembro, no salón de actos do Viveiro de Empresas de Área 33, co obxectivo de compartir con eles os detalles do proxecto e recoller as súas impresións de primeira man. Na xuntanza tamén se abordará a reorganización do tráfico que conlevarán as obras, co fin de establecer mecanismos de control e coordinación que permitan minimizar ao máximo as incidencias durante a súa execución.
“A rehabilitación da capa de rodadura terá unha incidencia relevante sobre a circulación, polo que é necesario que exista unha boa coordinación entre o empresariado e o concello para garantir a seguridade e a operatividade do viario”, di a Alcadesa e responsable de Obras
