O Concello de Silleda saca a licitación a reforma da antiga escola de Cortegada para convertela nun Centro TIC do rural

O Concello de Silleda ten en marcha a licitación das obras de reforma interior da antiga escola de Cortegada para a súa conversión nun Centro TIC do rural, un proxecto co que se busca dotar este inmoble dun uso social e formativo, contribuíndo a reducir a fenda dixital e a ofrecer á veciñanza un espazo para actividades relacionadas coas tecnoloxías da información e a comunicación.

O orzamento de licitación da actuación ascende a 57.505,55 euros e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 23 de febreiro, a través da correspondente plataforma de contratación.

Esta intervención permitirá culminar a posta en valor do edificio, despois de que no ano 2023 se executase unha primeira fase de mellora na envolvente exterior, con actuacións na cuberta e nas carpintarías, co obxectivo de garantir a conservación e acondicionamento do inmoble.

Segundo recollía o proxecto presentado no seu día, o futuro Centro TIC do rural está concibido como un espazo para formacións, divulgación e acceso á tecnoloxía, favorecendo que a cidadanía poida dispoñer tamén nas parroquias de recursos para mellorar competencias dixitais e participar en iniciativas de aprendizaxe e dinamización.

Entre as actuacións previstas figura a adecuación interior para habilitar salas polivalentes, un aseo accesible e un pequeno espazo de apoio/almacén, ademais dos traballos necesarios en instalacións e acondicionamento para adaptar o edificio ao novo uso.

Dende o Concello sublíñase a importancia de seguir recuperando inmobles do rural para darlles novos usos ao servizo da veciñanza, reforzando a oferta de equipamentos e contribuíndo a mellorar a calidade de vida nas parroquias.

Esta actuación acometese cunha subención do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), que se completa con fondos municipais.