A vila acolle o paddock, instalado no recinto Sermana Verde, e o centro operativo da proba dende mañá e ata o 19 de outubro
Máis de 600 pilotos de 30 países e 3.000 persoas de equipos e organización participarán no evento
O impacto económico directo estímase en máis de 4,5 millóns de euros para a comarca
A proba retransmitirase a nivel global, reforzando a imaxe de Silleda como destino turístico e deportivo
O Concello de Silleda será, a partir de mañá, o centro neurálxico dunha das competicións de motociclismo máis prestixiosas a nivel mundial: a 98ª edición dos Seis Días Internacionais de Enduro (ISDE). Esta é a primeira vez que este evento, coñecido como as “Olimpíadas do motociclismo”, se celebra en Galicia. A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Turismo, Mónica González, visitaron esta tarde o paddock situado no recinto da Semana Verde, e percorreron as diferentes estancias habilitadas acompañadas polo delegado da Federación Nacional de Motociclismo, Jordi Mas, e polo director xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán.
Entre o 12 e o 19 de outubro, máis de 600 pilotos procedentes de 30 países, acompañados de ata 3.000 membros da organización e equipos auxiliares, xunto con miles de visitantes, formarán parte dunha competición que se desenvolverá nos concellos de Lalín, Santiago, A Estrada e O Irixo. Non obstante, o Concello de Silleda acollerá as oficinas centrais, o paddock, as zonas de verificacións, a Training Area e o parque pechado, converténdose no corazón desta proba. Será unha intensa semana de resistencia e velocidade que culminará coa agardada proba final de motocross, que terá lugar no Recinto Feiral da Semana Verde.
Estímase que o impacto económico directo superará os 4,5 millóns de euros, consolidando esta competición como un dos eventos deportivos máis importantes do calendario mundial e a máis antiga do seu formato.
O Concello de Silleda subliña a relevancia deste evento, que posicionará a vila a nivel internacional grazas á ampla cobertura mediática e ás retransmisións globais. Esta oportunidade única reforzará a imaxe de Silleda no ámbito turístico e como un destino de referencia para a celebración de grandes eventos deportivos.
Ademais, en liña co firme compromiso do goberno municipal coa sustentabilidade, a organización incorporou a técnicos ambientais para garantir que todos os percorridos e instalacións cumpran cos estándares de minimización do impacto ambiental. Entre outros aspectos, abordaranse a xestión de residuos e a redución do impacto acústico, seguindo un modelo de xestión que busca unha pegada positiva non só a nivel deportivo, senón tamén a nivel ambiental e social.
O Concello de Silleda convida a toda a cidadanía a participar e gozar deste acontecemento sen precedentes, que converterá á vila no punto de referencia mundial do motociclismo durante esta semana única.
O programa oficial da proba pode consultarse na seguinte imaxe e neste enlace (preme aquí)