Silleda, 16 de novembro de 2016. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Turismo que dirixe Ana Luisa González, poñerá en marcha un plan de sinalización e interpretación do patrimonio histórico e cultural.
Será logo de coñecer que ao municipio lle corresponde a cantidade de 7.942,38 euros da liña de subvención da Deputación de Pontevedra para realizar actuacións deste tipo.
Na proposta de Silleda incluénse varios lugares, “enclaves dispersos pola nosa xeografía que merecen unha mención especial”, sinala a concelleira.
Así, no proxecto figuran a Ponte Taboada, sobre o río Deza; o conxunto histórico de O Foxo de Deza, o lugar de Penadauga , na parroquia de Escuadro; o Castro de Toiriz, ao pé da vila de Silleda, e máis próximos no tempo o lavadoiro comunitario de Campo, o muiño de Covián, en Rellas, entre outros.
“Máis aló do grandísimo legado do románico, presente en numerosas parroquias e con Carboeiro ao frente, e dos moitos encantos naturais, tamén tempos lugares como estos que merecen ser reseñados”, explica a concelleira.
Esta proposta vén a dar ademais resposta ás demandas dos numerosos visitantes que se achegan cada ano a Silleda, ademais de complementar a oferta existente con Carboeiro, a Fervenza do Toxa, Férveda ou a Ruta do Románico –que se sinalizou o pasado ano-.
Colocaranse paneis informativos cunha estrutura similar, recollendo distintas características e datos históricos e de interese de cada un.
A proposta de Silleda, tomando como referencia ou antigo Camiño Real a Santiago comezaría pois na Pons Tabulata, en Taboada, construida no ano 912. En Silleda, incluiríase o lavadoiro e fonte do Campo, os Castros de Toiriz, preto da vila e tamén o Parque Municipal das Pedrosas. Tamén se colocarán paneis informativos sobre o Camiño do Sueste ou Camiño Mozárabe, que discorre polo municipio e sobre o conxunto histórico de O Foxo.
Trátase dun dos conxuntos históricos máis antigos do actual Concello e da antiga xurisdicción de Trasdeza. Diversas fontes destacan a súa importancia como cruce de camiños medievais destacados, paso obrigado de arrieiros, e Camiño Real que unía Castela con Compostela.
O lugar de Penadauga, en Escuadro ten tamén un lugar destacado, máis aló das crenzas relixiosas e lendas populares, ao celebrarse tamén nesta aldea unha importante feira.
O muiño de Covián, en Rellas, que data do ano 1810 e que está considerado como un dos máis grandes da comarca, con 4 moas, figura tamén no proxecto.