Silleda, 12 de febreiro de 2019. O Concello de Silleda vén de presentar a convocatoria do pasado 17 de decembro,- pola que a Consellería de Economía e Facenda convoca axudas en réxime de concorrencia competitiva para a mellora de parques empresariais- dous proxectos para seguir implementando servizos en Área 33.
O primeiro deles é a creación dunha zona de aparcamento na zona de acceso ao polígono dende Lalín, onde se prevé crear unha zona de estacionamento en batería con 50 plazas (2 delas para persoas con mobilidade reducida). O anteproxecto realizado polo técnico municipal prevé tamén a dotación dun muro de contención que formará parte da nova fachada do polígono dende o acceso de Lalín, muro que se dotará dun acabamento aplacado en pedra, e cun rótulo identificativo do polígono. O total do orzamento previsto para esta actuación é de 106.094,95 euros.
O outro proxecto, realizado tamén polo arquitecto municipal, pasa pola reposición do cableado de Área 33 e a instalación dun dispositivo antiroubo deste, cun sistema de obturación do cable e de seguridade que evita a apertura dos báculos e o roubo do cableado.
“Con este sistema evitaríamos casos de sustracción que xa se teñen dado en varios puntos do municipio, incluído no polígono Área 33, e que tanto daño teñen feito, co gasto que implican e a privación de servizos á cidadanía”, engade o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe acompañou ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nunha nova visita a Área 33. Este proxecto ten un orzamento previsto de 47.236,79 euros.
No percorrido comprobaron o estado das obras de sinalización do polígono, acometidas o pasado verán con cargo á citada liña de axudas autonómicas, cun investimento de máis de 41.000 euros confinanciadas entre a Xunta e o Concello.
Cuiña lembra que ademais destes dous proxectos o Concello de Silleda tamén concorre ás axudas para a creación dun viveiro de empresas na parcela municipal do recinto, “una solicitude que facemos por terceiro ano consecutivo e que agardamos que se poida acadar para materializar este proxecto canto antes”, engade.