O Concello solicita un técnico ambiental e outro de comunicación ao abeiro do plan Máis Emprega da Deputación

A Xunta de Goberno Local acordou solicitar este programa provincial para a incorporación laboral de persoas mozas

O Concello de Silleda vén de solicitar á Deputación de Pontevedra a súa participación no programa Máis Emprega, unha iniciativa integral e estratéxica para o emprego e o desenvolvemento económico na provincia. O principal obxectivo deste programa é promover a inclusión social e o desenvolvemento económico e social a través da creación de emprego de calidade e do fomento da empregabilidade da cidadanía.

Este programa, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, busca dotar ás persoas mozas desempregadas, así como ás persoas desempregadas en xeral na provincia, dunha primeira experiencia profesional.

A través desta iniciativa, preténdese que os participantes adquiran competencias e habilidades sociais e profesionais como a empatía, a creatividade, as dotes de liderado e a capacidade de adaptación, entre outras calidades esenciais no ámbito laboral.

A convocatoria, na que Silleda leva participando nos últimos anos, está destinada a Concellos con menos de 50.000 habitantes. A Xunta de Goberno Local acordou solicitar, ao abeiro deste programa provincial, a contratación dunha persoa graduada en Ciencias Ambientais para traballar no departamento de Transición Ecolóxica, tendo en conta os novos retos que presenta a implementación da Axenda 2030 a nivel local. Ademais, tamén se solicita a incorporación dunha persoa graduada en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual para desenvolver tarefas de comunicación e información dentro da entidade local.

“Agardamos poder contar ca incorporación a estes dous postos, e continuar como nos últimos anos contribuíndo á formación e a adquisición de experiencia da xente moza que participa neste programa”, engade a alcaldesa, Paula Fernández.