O Concello de Silleda solicitará sete operarios ao abeiro do programa de Traballos de Colaboración Social

 

Silleda, 15 de xaneiro de 2013. O Concello de Silleda sumarase ao programa Traballos de Colaboración Social, solicitando un total de sete operarios ao Servizo Galego de Colocación. Con este programa contrataríanse persoas en situación de desemprego, que seguirían percibindo o subsidio (abonado polo INEM) e outra cantidade a maiores que abonaría o Concello ata completar a Base de Cotización Social.

A proposta, da man do concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña Fernández, vén de ser aprobada pola Xunta de Goberno Local, xunto coas memorias xustificativas que acompañan a solicitude á Oficina de Emprego, que se encargará da tramitación e selección do persoal.

Dos sete operarios/as solicitados, 4 serían peóns de limpeza (barrendeiros), para realizar tarefas de limpeza viaria. Tamén se solicitan dous operarios de xardinería, para acondicionamento e atención das diferentes áreas recreativas que son propiedade do Concello (parque das Pedrosas, parques infantís, áreas de descanso, áreas recreativas no rural, xunto á vía da prata…). Por último solicítase tamén un peón de electricista, para realizar actuacións enmarcadas no programa de aforro enerxético.

Durante 6 meses

Todos eles terían un contrato a xornada completa (de 08.00 a 15.00 horas), por un período de 6 meses, o máximo que permite este programa. O Concello de Silleda tería que asumir a diferencia do salario ata a base de cotización (no caso dos que non teñan completaríase o abono ata o Salario Mínimo Interprofesional).

O concelleiro Manuel Cuíña advirte que con esta proposta se está a axudar as persoas que están a día de hoxe no paro “tendo en conta que, por exemplo,  os que levan xa seis meses en situación de desemprego só están a cobrar a metade do subsidio”. Sinala ademais que a través deste programa o Concello poderá dispoñer de personal para realizar “tarefas que son básicas” nun momento complicado “ao non poder realizar contratacións polo plan de axuste e tendo en conta as políticas de recorte que están aplicando outras Administracións”.