Silleda, 15 de novembro de 2016. O Concello de Silleda acordou hoxe sumarse ao convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para contar nos Concellos de Galicia coa realización de prácticas non laborais por parte de titulados/as.
A adhesión foi aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local que tamén acordou sumarse ao convenio entre a Fegamp e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos, a fin de contar tamén cun titulado/a nesta especialidade para a realización de prácticas no Concello.
O alcalde, Manuel Cuiña, indica que no caso do Enxeñeiro/a de Camiños, Canais e Portos, a persoa que realice as prácticas en Silleda estaría adscrita ao departamento de Urbanismo, realizando tarefas relacionadas coa redacción de distintos proxectos para acometer nun futuro. Este convenio está relacionado ademais co Curso de Formación do Técnico na Administración Local, que organiza o Colexio Profesional coa colaboración da FEGAMP, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Dirección Xeral de Administración Local.
“Dende as institucións públicas debemos de contribuir á formación de profesionais sumándonos a propostas coma estas que chegan a través daFegamp e os Colexios Profesionais, ou á da Deputación de Pontevedra, pola que xa contamos a día de hoxe no Concello de Silleda cunha titulada en Arquitectura no departamento de Urbanismo e cunha Enxeñeira Agronóma adscrita ao Centro de Desenvolvemento Agrario”, explica o alcalde.