O Concello de Silleda súmase ao convenio marco entre a Fegamp e a Axencia Tributaria

 

Silleda, 22 de xaneiro de 2012. A orde do día do vindeiro pleno ordinario que celebrará a Corporación municipal de Silleda incluirá, entre outros asuntos a sinatura de varios convenios. Así, ademais dun acordo coa fundación HUMANA, tamén se abordarán outros dous convenios relacionados coa mellora no funcionamento da Administración Local.

Os tres acordos trataranse previamente na comisión informativa convocada para o xoves día 24, ás 10.00 horas.

Un dos acordos que se inclúen na orde do día pasa por sumarse ao convenio marco suscrito entre a Axencia Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) para o intercambio e suministro de información de carácter tributario.  Con este convenio, dende o Concello poderán solicitarse á Axencia Tributaria datos para certos procedementos, co que se axilizan os procedementos. Tamén poderán solicitar datos persoas ou entidades para realizar certos trámites municipais.

“Ademais de axilizar os trámites, nalgúns casos, só para certos támites,  evitaremos aos cidadáns que teñan que desprazarse  ata a oficina da Axencia Tributaria da Estrada”, explica a alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández.

Así, dende o Concello (cumprindo os parámetros en materia de protección de datos e sempre coa autorización dos interesados) aqueles que queiran optar a unha subvención pública poden pedir un certificado de estar ao día no pago de tributos. O mesmo acontecería para aquelas personas que deben xustificar, con datos do IRPF, que están exentos, por exemplo de pagar algunha taxa ou imposto.

Outros dos convenios propostos é coa Rexistradora Titular do Rexistro da Propiedade de Lalín, a efectos da comunicación prevista no artigo 245.5 da Lei Hipotecaria, relacionado co imposto sobre aumento do valor de propiedades (plusvalías).

“Con este acordo facilitarase a xestión dos tributos municipais e mellorarase a recadación evitando as demoras no pago deste imposto”, sinala a alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández. Así, o Rexistro da Propiedade de Lalín informará ao Concello de Silleda das súas inscripcións, para proceder dende o Concello a facer a correspondente liquidación da plusvalía. A rexedora sinala que “ao igual que no caso da Axencia Tributaria, este acordo significará unha mellora sustancial no funcionamento do Concello e na xestión dos impostos”, engade.

Entidade colaboradora

 Por outra banda, o Concello de Silleda asinará un convenio coa Fundación Pueblo para Pueblo (HUMANA) que desenvolve acción de cooperación internacional. En virtude deste acordó, ademais da colocación de colectores para a recollida de roupa e calzados usados, tamén se levará a cabo un programa de actuacións, co obxectivo de sensibilizar aos veciños e veciñas de Silleda sobre a reciclaxe, unha conciencia sostible e para levar a cabo tamén acción solidarias a nivel local.

O acordo inclúe a colocación dun total de 12 colectores especialmente deseñados para a recollida de roupa e calzado en distintos puntos do municipio. A día de hoxe, a entidade xa dispón de dous colectores en Silleda e na Bandeira.

Con este convenio, non só se amplía a presenza deste servizo, senon que ademais se inclúen outras actuacións beneficiosas para a poboación en xeral. HUMANA asumirá todos os custes de transporte e traslado dos materiais recollidos, cos que se financian proxectos de cooperación en diferentes países de África, América Latina e Asia, que desenvolve esta fundación dende o ano 1987.

HUMANA deberá comunicar ademais cada trimestre ao Concello, como entidade colaboradora, a cifra de kilos recollidos  no municipio, así coma un resumo anual.

A maiores da recollida, este convenio polo que o Concello de Silleda pasa a convertirse en ente colaborador desta ONG, inclúe accións de sensibilización (coma conferencias, xornadas ou outras) para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de produtos textís, que se concretarán posteriormente nun programa de actuacións.

Así mesmo, prevese a realización de accións de solidariedade a nivel local, coa entrega anual de 350 kilogramos de roupa usada ao departamento de Servizos Sociais.