Silleda, 12 de decembro de 2016. O Concello de Silleda sumouse xa ao Plan Revitaliza posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para apostar pola compostaxe de residuos orgánicos. O acordo adoptouse na Xunta de Goberno local celebrada o día 15 do pasado mes de novembro.
O obxectivo de dito plan é impulsar o tratamento da fracción orgánica de Residuos Municipais co fin de compostar, alomenos, o 25% do lixo orgánico antes do ano 2020 e de incorporar de xeito progresivo este sistema de tratamento dos residuos.
O plan provincial, que comezou este ano, ofrece dúas liñas aos municipios. Así, ademais do uso de composteiros tamén hai outra liña enfocada ao asesoramento e seguimento desta técnica de tratamento de residuos. Esta última é precisamente á liña á que se acolle o municipio de Silleda, ao tempo que se seguen a estudar posibles ubicacións dos composteiros nas dúas vilas.
Deste xeito, técnicos da Deputación encargaránse de facer un estudo das posiblidades que ten o municipo de Silleda de implantar de xeito progresivo o sistema da compostaxe , analizando a situación actual e vendo as posibles alternativas de ubicación dos composteiros.
Plan piloto dende 2015
O municipio de Silleda puxo en marcha xa, á marxe deste plan, un programa piloto co reparto de 50 composteiros individuais que están a ser utilizados por veciños e veciñas do municipio. Así mesmo, e tamén coa colaboración de Sogama, botará a andar nos vindeiros días o composteiro do CEIP Ramón de Valenzuela, outra das apostas do Concello de Silleda para o fomento da reciclaxe.
En breve, unha vez que por parte do Concello se acometan traballos de poda no entorno do recinto para poder contar co material estruturante do compost, botará a andar esta iniciativa, na que se aproveitarán os residuos orgánicos sobrantes da cociña do comedor escolar. O compost reutilizarase na horta deste centro educativo, completándose así o circulo da compostaxe.
“Dende o Concello seguimos a estudiar as posibles ubicacións dos composteiros comunitarios, e co asesoramento dos técnicos agardamos ter pronto alternativas para instalar nas dúas vilas do municipio”, indica o alcalde Manuel Cuiña, que destaca a iniciativa do CEIP Ramón de Valenzuela “tamén dende unha perspectiva didáctica e informativa”.