-É unha das medidas adoptadas polo goberno municipal no ámbito da prevención, a vista do ritmo que leva o aumento de contaxio. O número de casos activos sitúase xa en 29, ao confirmarse 9 positivos na fin de semana
Silleda, 14 de setembro de 2020. O goberno municipal de Silleda vén de adoptar novas decisións respecto á prevención da Covid-19, á vista do considerable aumento no número de contaxios.
Así, hoxe mesmo responsables sanitarios informaban de 9 positivos máis confirmados no municipio de Silleda durante a fin de semana, o que situa o número de casos activos totais en 29.
“A vista do ritmo ao que se están producindo os contaxios decidimos supender, ata novo aviso, as actividades culturais previstas para os vindeiros días”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Outra das decisións pasa polo peche dos parques infantís, tamén como medida preventiva. Tampouco se autorizará o uso dos centros sociais no rural, nos que ata o de agora se estaban a rexistrar solicitudes de uso incluindo declaracións responsables.
A día de hoxe continúan tamén pechadas ao público instalacións como a Casa da Xuventude e os recintos deportivos.
No tocante ás actividades como as Escolas Deportivas o Concello de Silleda está tamén á espera das decisións e protocolos que se adopten dende as federacións, no caso de disciplinas federadas e con competición.
Dende o Concello estanse a realizar dende hai xa varias semanas actuacións como a desinfección de rúas e espazos públicos, prestando especial atención aos accesos a centros educativos e outros lugares públicos.
Onte mesmo emitiuse un Bando no que se informa das medidas adoptadas, como o peche dos parques, suspensión de actividades culturais, e a non autorización de actividades nos centros sociais.
Así mesmo, dende o goberno municipal realízase de novo un chamamento á responsabilidade individual para tratar de frear ao máximo a cadea de contaxios.
Test serolóxicos na plantilla municipal
Por outra banda, o Concello de Silleda realizará esta semana test serolóxicos a todo o persoal municipal.