O Concello de Silleda tenen marcha xa ai o proceso para executar as obras de rehabilitación integral e mellora da accesibilidade da Escola de Música Municipal.
Para garantir a continuidade da actividade lectiva e musical durante o tempo que duren os traballos, o alumnado e o profesorado da Escola de Música trasladaranse de maneira provisional ás instalacións da Fundación do Campo Galego, situadas no recinto feiral da Semana Verde, unha opción que, segundo destaca a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, “é a mellor posible desde o punto de vista da seguridade e da funcionalidade, xa que permite manter toda a actividade docente e musical sen riscos para o alumnado nin para o profesorado”.
O traslado realizarase aproveitando o período non lectivo do Nadal, co obxectivo de minimizar o impacto no desenvolvemento académico. A alcaldesa explica que, “aínda que o inicio efectivo das obras non é inmediato, debido aos trámites administrativos propios de calquera actuación deste tipo, coordinouse coa dirección da Escola que este é o mellor momento para realizar o traslado, evitando interrupcións posteriores no curso”.
As instalacións da Fundación do Campo Galego dispoñen dunha superficie ampla e versátil que permitirá acoller con normalidade toda a actividade da Escola de Música Municipal.
O espazo, que a partir de xaneiro poderá utilizar a escola, inclúe unha parte moi importante do edificio do autoditorio. Asi pois, ponse a disposición da escola o auditorio principal, para ensayos da banda, asi como o hall de acceso e a zona de cafetería de 276 metros cadrados, que se utilizará como área de tránsito e organización.
Complétanse os espacios ofertados con seis salas de diferentes dimensións: dúas salas grandes de 135 metros cadrados cada unha, e catro salas adicionais de 36, 54, 33 e 32 metros cadrados, ás que se suman dous camerinos que se empregarán como aulas individuais, así como servizos hixiénicos e itinerarios accesibles para o alumnado e o profesorado.
Para facer posible esta solución, o Concello de Silleda asinará un convenio de alugueiro temporal dos espazos coa Fundación do Campo Galego, que permitirá utilizar as instalacións durante un período estimado de 12 meses, cun custo anual de 10.000 euros para o Concello. Trátase dunha cesión limitada no tempo e vinculada exclusivamente á execución das obras de rehabilitación.
Desde o Concello sublíñase que a Escola de Música Municipal é un servizo público esencial, polo que a prioridade foi garantir a continuidade do servizo durante as obras, asumindo que estas “van supoñer inevitablemente incomodidades durante varios meses, pero son absolutamente necesarias para mellorar a accesibilidade, a seguridade e as condicións dun servizo público esencial”, sinala a alcaldesa.
Paula Fernández Pena quixo agradecer expresamente a total disposición e colaboración da Fundación do Campo Galego e da Fundación Semana Verde de Galicia, que fixeron posible esta solución provisional, destacando que “tomar decisións coma esta non sempre é doado, pero é unha mostra de responsabilidade e planificación, pensando no benestar das familias, do alumnado e no futuro da Escola”.
O Concello informará puntualmente ás familias e á comunidade educativa de todos os detalles organizativos do traslado e do avance das obras, agradecendo a colaboración e comprensión ante unha actuación que permitirá contar, ao remate, cunhas instalacións modernas, accesibles e preparadas para seguir facendo da música un sinal de identidade de Silleda.
A rehabilitación da Escola de Música Municipal conta cun orzamento total de 890.185,78 euros e está cofinanciada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (procedemento PR486E), cunha achega de 445.092,89 euros, e foi presentada tamén ao Plan Provincia Extraordinaria 2025 da Deputación de Pontevedra.
