A afección silledense confía en celebrar un novo título co seu paisano Joselu
A praza de Juan Salgueiro será unha vez máis o lugar de encontro para ver o partido deste domingo ás 21.00 horas
O Concello de Silleda volverá instalar unha pantalla xigante na praza de Juan Salgueiro para que todas as persoas que o desexen poidan seguir a final da Eurocopa este vindeiro domingo, 14 de xullo, a partir das nove da noite. Unha vez máis, Silleda animará a Joselu coa ilusión de poder celebrar con el un novo título.
Joselu, que lle dá nome ao estadio municipal, forma parte desta ilusionante España que se clasificou para a final da Eurocopa como único equipo que pode contar os seus partidos por victorias. Por iso, e tal e como sucedera coa final da Liga de Campións que gañou o Real Madrid co dianteiro silledense nas súas filas, o Concello convida agora a toda a veciñanza a gozar xunta do derradeiro partido da Eurocopa para mostrarlle así o máximo apoio ao seu paisano.
Joselu está a un paso de sumar un novo título converténdose en campión de Europa coa selección española, á que só lle falta impoñerse a Inglaterra ou Países Baixos o próximo domingo para conquistar a coroa continental. “Grazas a Joselu, Silleda estará presente en Berlín o próximo domingo. É todo un orgullo para nós contar cun deportista de elite como el como gran embaixador do noso pobo. Oxalá xogue e poida mesmo marcar un gol”, sinala a alcadesa, Paula Fernández.