-O alcalde, Manuel Cuiña, fai un agradecemento expreso a toda a veciñanza así coma un chamamento á prudencia “para non baixar a garda ante esta pandemia”
Silleda, 30 de setembro de 2020. O municipio de Silleda vén de abandonar a lista de concellos con restriccións dictadas pola Xunta a raíz da incidencia da Covid-19. Así o comunicaron este mediodía dende a área sanitaria de Santiago, á vista do descenso de casos activos dos últimos días.
Dende o goberno municipal o alcalde, Manuel Cuiña, realiza un “agradecemento expreso á toda a veciñanza de Silleda que sabemos fixo un esforzo nestas semanas para conseguir mudar a situación e evitar a propagación do virus”, engade.
Aínda así, Cuiña tamén apela “a responsabilidade individual para non baixar a garda e evitar que se produzan novos gromos desta enfermidade, que sigue ahí e coa que temos que aprender a convivir na chamada nova normalidade”, engade.
Deste xeito, quedan sen efecto a partir da medianoite de hoxe mércores día 30 de setembro as restriccións de aforo ao 50% para establecementos comerciais e hostaleiros, a prohibición de consumir nas barras ou os aforos máis reducidos en velorios e celebracións, entre outros.
Dende o goberno municipal, que continuará cas desinfeccións preventivas, entre outras medidas, lémbrase que uso da máscara e a hixiene de mans así como as distancias físicas seguen a ser elementos claves na prevención de novos contaxios.
O goberno municipal analizará nas próximas horas cuestións relativas á organización de eventos culturais (que se aprazaron por mor das restriccións), e reapertura de instalacións municipais, entre outros, para unha maior coordinación.