Silleda, 27 de marzo de 2017. O Concello de Silleda elaborou xa un proxecto para a dotación dun viveiro de empresas no Parque Empresarial Área 33. Esta iniciativa concorrerá á liña de subvencións destinada á creación de viveiros industriais de empresas situadas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os concelleiros de Urbanismo e Obras e Servizos, Klaus Brey, e de Comercio e Industria, Benito Saavedra, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Asociación de Empresarios de Área 33, Juan Carballo, para presentarlle as liñas básicas do proxecto.
Prevese a dotación dun edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantaría, -como xa se avanzou no seu día- integrándose coa actual nave municipal sita nesta parcela. Segundo o proxecto a nave estructúrase en dúas plantas: unha planta baixa con zonas de servizo común e compartidas, (sala multiusos, administración, aseos, sala de espera…) e unha primeira planta con oficinas, despachos de varios tamaños e outros espazos común.
“Plantéxase a construcción dunha estrutura modular que permitiría, se fose necesario, ir ampliando o edificio para acoller novos servizos”, indica o concelleiro Klaus Brey. O orzamento estipulado no proxecto e de 347.895 euros.
De aprobarse a subvención solicitada, as obras, tamén con aportación municipal, poderían comezar nun prazo de tres meses, unha vez coñecida a resolución.
“Con esta proposta cumplimos co noso compromiso de crear un edificio destinado a viveiro de empresas e centro empresarial en Área 33”, indica o alcalde Manuel Cuiña, que lembra que no orzamento municipal deste ano se incluiu unha partida de 95.000 euros para inversións nesta zona empresarial “na que se está notando un repunte nos últimos meses”, indica.
Pola súa banda o presidente dos empresarios, Juan Carballo, agradeceu ao Concello a iniciativa e agora trasladará ao resto dos membros da entidade o proxecto para o seu análise.