A Fundación aportaralle ao Concello 10.000 euros anuais durante os catro anos de vigência deste convenio
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, asinaron un convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha medidas que faciliten o desenvolvemento económico e social da zona, como a dinamización do viveiro de Área 33 para a creación de novas empresas, e accións que axuden a acadar no municipio os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Destacar as oportunidades que existen no rural é un dos obxectivos xerais deste convenio, que ten unha vixencia de catro anos e o seu contido revisarase anualmente. A Fundación Roberto Rivas aportaralle ao Concello de Silleda 10.000 euros anuas durante a vixencia desde convenio, que se destinarán á mellora de espazos públicos e a promoción dunha mobilidade amable e sostible para avanzar na implantación da Axenda 2030.
Con estes recursos ampliarase o sistema de iluminación na contorna do santuario da Saleta (espazo historicamente vinculado ao creador da fundación, Roberto Rivas) e a iluminación da contorna da igrexa parroquial de Ansemil. Ademais de mellorar a iluminación e o acondicionamento de ambos espazos fomentarase a economía circular, xa que se van utilizar farois fernandinos que foron retirados dos cascos urbanos.
Outra das accións contempladas no convenio e crear illas de bicicletas de uso público en puntos clave da localidade de Silleda. Os lugares nos que se instalarán estes aparcadoiros definiranse entre ambas entidades. “A mobilidade sostible é fundamental para mellorar a calidade de vida e acadar os obxectivos da Axenda 2030, e a Fundación quere apostar por ela con esta medida “, asegura Paula Fernández.
A colaboración entre Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas amplíase tamén á creación de novos empregos e empresas, xa que o convenio contempla a dinamización do Viveiro Municipal de Empresas situado no polígono empresarial Área 33.
A Fundación aportará medios técnicos e persoal para dinamizar este espazo municipal, “unha necesidade que para o Concello é moi difícil de cubrir. O viveiro ten que ter vida, actividade, para favorecer que xurdan e medren novas empresas”, asegura a alcaldesa. Paula Fernández lembra que a única contraprestación do Concello será aportar os medios materiais para levar a cabo os eventos e as actividades que organice a Fundación.
Para Olga Rivas, “con este convenio, Fundación e Concello convertémonos en axentes activos para a difusión das actividades desenvolvidas no territorio en temas que nos son comúns”, unha colaboración que xa leva anos funcionando e que agora plásmase neste documento, sinala.
A alcaldesa lembra que este convenio é o resultado das conversas mantidas entre a Fundación e o Concello dende fai meses. A boa relación entre ambas entidades materializouse en colaboracións como a presenza da Fundación na Romaría da Rapazada ou na participación de representantes do goberno silledense nas actividades organizadas pola Fundación relacionadas coa sostibilidade.
Fundación Roberto Rivas
A Fundación Roberto Rivas é unha fundación privada, independente e sen ánimo de lucro, que promove o desenvolvemento sostible das comunidades, inclusivo coas persoas e respectuoso co medio ambiente, impulsando o emprendemento social en contornas rurais.
A Fundación impulsa o fortalecemento da sociedade e unha cidadanía global, responsable e implicada, a través da educación en valores e mellorando as capacidades e competencias das persoas, empoderándoas para conseguir comunidades resilientes.
Foi creada polo famoso benefactor silledense Roberto Rivas.