Silleda, 9 de xaneiro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o presidente da Sociedade Deportiva de Caza e Pesca de Silleda, Jesús Caramés, mantiveron esta semana unha reunión de traballo para establecer vías de colaboración entre as dúas entidades.
Así, e vista a solicitude formulada dende a Sociedade Deportiva para realizar diversos arranxos, dende o Concello de Silleda, e en concreto dende o departamento de Servizos e Medio Rural, que dirixe Klaus Brey, está previsto coordinar nas vindeiras semanas diversos traballos en colaboración coa entidade de caza e pesca.
Entre as obras a acometer, segundo se acordou na xuntanza de traballo, figura a reparación dos accesos ao Coto de Pesca do Río Deza. Para a realización destas tarefas, o Concello aportará a maquinaria para o adecentamento da pista, en Vilar. Segundo explicou Caramés, o accesos aos cauces, por mor das últimas riadas, atópanse en moi mal estado, polo que para realizar estes traballos, en pistas de terra, haberá que repasar os camiños cun tractor provisto de pala excavadora .
Tamén se prevé a colaboración municipal á hora de realizar tarefas de reparación o tellado do criadeiro de coellos , con diversas goteiras, que a entidade ten no lugar da Mera, así como do peche do almacén.
A limpeza de camiños públicos foi outra das cuestións plantexadas pola sociedade. “Ao igual que estamos a facer nalgún caso cos veciños, colaborando en obras de reparación e mantemento nas parroquias, queremos abrir vías de colaboración con esta entidade, que vén de iniciar unha nova etapa coa renovación da directiva”, explica Manuel Cuíña.
O alcalde e o concelleiro de Servizos e Medio Rural agardan poder iniciar os traballos no menor tempo posible.