O Concello e Unións Agrarias solicitarán ao goberno central que habilite axudas para arranxar os danos da vaga de temporais no rural

Silleda, 10 de febreiro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o secretario comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, mantiveron hoxe un encontro no que abordaron distintas cuestións de interese para o sector agrogandeiro, “que en Silleda segue sendo un dos puntais económicos”, engade o rexidor.

Entre os temas tratados neste encontro, o primeiro co líder de UUAA dende a chegada de Cuíña a Alcaldía (que xa estaba previsto pero se retrasou por motivos de axenda), figurao os efectos da vaga de temporais que se están a vivir e que seguen a provocar importantes danos nas infraestruturas do rural. Así, segundo explicaron Cuíña e Santalla, acordouse consensuar unha moción, que se debatirá no vindeiro pleno, para pedir ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente a declaración de zona afectada polos temporais, “de cara a conseguir axudas especiais que permitan tanto aos gandeiros como ao Concello, no tocante ás infraestruturas, acometer as reparacións oportunas”, dixo Cuíña.

“Se non se nos bota unha man dende outras Administracións será difícil acometer eses arranxos”, engade. O alcalde explicou que as pistas municipais son as máis afectadas e que as que están dotadas con zahorra están totalmente destrozadas polas enchentas.

Pola súa banda, Román Santalla explicou, no tocante aos temporais que existen protocolos especiais que ten que poñen en marcha o citado Ministerio, “pero que debe de activarse a través da Consellería de Medio Rural”, dixo.

Santalla valora positivamente que o Concello de Silleda tome a iniciativa para poder arranxar danos importantes, aínda sen cuantificar, e adiantou que outros Concellos terán que dar este paso. Advertiu que o efecto de arrastre de terras “é moi considerable”, ao igual que a merma nas plantacións tardías, ou na producción de herba, ao non poder acceder ás fincas para fertilizar os cultivos.

Reforma da PAC

Outra das cuestións abordadas no encontro foi a reforma da Política Agraria Comun (PAC). Cuíña lembrou que o goberno xa inclueu no último pleno unha moción para pedir cambios na distribución das axudas. Santalla explicou que o obxectivo para os productores da zona é incrementar a producción, no tocante ao vacún de leite, entre un 3 e un 5% anual. “A PAC ten que adaptarse o mellor posible ás necesidades dos gandeiros”, engadiu Santalla., que tamén se referiu á incertidume das chamadas axudas acopladas, ou as axudas para os cultivos protéicos.

 

Cambios na normativa urbanística

Por último, o alcalde e tamén concelleiro de Urbanismo, Manuel Cuíña, explicou a Santalla o proceso no que se atopa a tramitación do PXOM. Cuíña lembrou que os cambios aprobados no pleno de xullo viñeron a dar máis marxe aos gandeiros e agricultores, ao permitir a concesión de licenzas de obra maior naquelas zonas do rural onde o PXOM non entre en contracións co planeamento vixente.

No encontro falouse das posibilidades de reducir as distancias a núcleos de poboación e elementos protexidos para poder construir unha explotación gandeira, distancia que ahora mismo está fixada en 1 kilómetro. O alcalde lembrou que a Xunta está tramitando unha reforma da Lei do Solo, que incluirá outras modificacións para facilitar a construcción no rural.

O concelleiro de Medio Ambiente e Industria, Luis Rodríguez, á esquerda, o alcalde Manuel Cuíña e Román Santalla, durante a rolda de prensa posterior á xuntanza