Silleda, 15 de outubro de 2014. O Concello de Silleda, co obxectivo de fomentar o asociacionismo e colaborar coas distintas asociacións e entidades do municipio, vén de elaborar un guión explicativo sobre a creación de asociacións.
Esta guía, que recolle todos os pasos e trámites necesarios para constituir unha asociación foi realizada dende o departamento de Participación Cidadá, que dirixe Pilar Peón. “Estamos a detectar que en moitos casos cando un grupo de persoas quere constituir un colectivo descoñecen a tramitación a realizar”, indica.
Dende o Concello continuarase, ao igual que se viña facendo, asesorando aos veciños e veciñas que queiran formar unha asociación, “pero con esta guía buscamos facilitar aínda máis esta información, e esquematizar os pasos a dar”, apunta a concelleira.
Na guía figuran os requisitos para poder consituir unha asociación, referencias para elaborar os estatutos, cómo rexistrarse … e tamén modelos de documentos como a acta fundacional ou os propios estatutos.
Esta información será facilitada tamén a través da web municipal, onde a guía estará dispoñible no apartado de Participación Cidadá. Alí tamén se poderá acceder ao enlace do portal da Xunta que recolle os modelos para a creación de asociacións.