Silleda, 2 de marzo de 2017. O novo concelleiro de Comercio de Silleda, Benito Saavedra e a concelleira Ana Luisa González, que ata o de agora se encargaba deste departamento, visitaron hoxe o IES Pintor Colmeiro para entregar aos alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión Comercial e Marketing os certificados que acreditan as 110 horas de traballo realizado no extenso estudio e análise da situación do comercio no municipio, que se presentou a finais do pasado mes de novembro.
González, que presentou ao alumnado e á titora Helena González Lois ao novo concelleiro, agradeceu o traballo realizado e destacou o esforzo e ilusión dos alumnos e alumnas “grazas aos que hoxe temos una completa radiografía da situación do sector no noso municipio”. Tamén se entregaron os diplomas ao alumnado por participar como xurado na última edición do concurso de escaparates de Nadal.
Así mesmo, felicitou ao alumnado polo curso, que rematará nos vindeiros días, continuando coas prácticas en empresas, que dúas das alumnas deste ciclo superior realizarán en Malta a través do programa Erasmus.
A titora do ciclo agradeceu o apoio prestado polo Concello e entregou ademais o material das enquisas que xa solicitaron dende a Asociación de Comerciantes e que entregará xa o novo concelleiro aos representantes do colectivo.
Nesta xuntanza, que se celerbará en breves datas, Saavedra aproveitará para ter unha primeira toma de contacto co sector.