O Concello esixe a Acega que arranxe os desperfectos na ponte do vial Silleda-Moalde

 

Silleda, 11 de xaneiro de 2013. O Concello de Silleda esíxelle á empresa concesionaria da autopista que proceda ao arranxo do socavón na estrada Moalde-Bandeira, xusto no límite deste vial municipal coa ponte que sobrevoa a AP-53. A empresa vén de recibir a notificación dun decreto polo que se ordena a realización destas obras nun prazo de dez días, e se lle advirte que, en caso contrario, o Concello de Silleda procederá a realizar os arranxos de xeito subsidiario. O decreto tamén se enviou ao Ministerio de Fomento, titular da vía de alta capacidade.

O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, explica que dende o goberno local se iniciaron xestións hai xa varios meses para proceder ao arranxo dos desperfectos. Así, o pasado mes de xullo xa se lle enviou un primeiro requerimento á firma concesionaria, informando sobre o mal estado da ponte e da perigosidade que supón para os usarios da vía. “Xa entón remitimos un informe da Policía Local e solicitamos á empresa o arranxo do vial neste punto”, sinala Cuíña.

Dende a empresa, recibiuse no mes de setembro resposta “esquivando a súa responsabilidade e achacando ás obras ao Concello”, engade o concelleiro, que explica que o problema vén dado pola mala execución na xunta de dilatación da ponte, que está a vista. O socavón está situado xusto nunha das conexións entre a pista, que é de titularidade municipal, e unha das esquinas da ponte. “Non se trata dun simple bacheo, senon que a reparación que hai que realizar é de carácter técnico”, engade.

Dende o departamento de Obras e Servizos volveuse a remitir días despois outro escrito a ACEGA sinalando que os problemas no firme ( socavóns e afundimentos no aglomerado asfáltico) atópanse á altura do enlace da vía co tramo que corresponde coa ponte, “polo que se considera que esta problemática vén dada debido ao acoplamento da estructura desta ponte, que fai que o asfalto se vexa alterado e existan graves incidencias no paso dos vehículos”. Xa entón se requeriu a “urxente reparación dos desperfectos”, pero dende a empresa non se volveu a responder á solicitude do Concello de Silleda, que encargou un novo informe Policial o pasado mes de decembro sobre a situación do vial.

“Agora non nos queda outra que tomar cartas no asunto. Se non a arranxa a empresa farémolo nós a costa deles, e se se negan non descartamos acudir aos tribunais”, engade o concelleiro de Obras e Servizos “porque non podemos permitir que esta vía, moi transitada polos veciños da zona, esté nestas condicións, ao supoñer un grave risco para os usuarios e usuarias”, engade.