– A emprendedora silledense Sandra Chao Cruz, ocupará o primeiro despacho dende o que ofrecerá un servizo de asesoría financeira.
Silleda, 10 de outubro de 2023. O Alcalde de Silleda e a emprendedora silledense Sandra Chao asinaron esta mañá o contrato de cesión de uso do primeiro dos despachos do Viveiro de Empresas, converténdose así na primeira usuaria deste edificio municipal, e que adicará o mesmo á asesoría financeira, profesión na que conta cunha ampla traxectoria.
Deste xeito, Sandra Chao convértese na primeria emprendedora en usar estas instalacións, para as que xa se conta con outra solicitude de uso, en concreto da Comunidade de Propietarios de Área 33. Neste momento atópase en fase de avaliación por parte da Comisión de Seguimento do Viveiro, órgano que se constituíu para a xestión do mesmo.
Á estrea do viveiro acudiron o Alcalde, Manuel Cuiña; a Concelleira de Xestión Urbana, Medio Ambiente e Promoción Económica, Paula Fernández; e a Tenente de Alcalde, Mónica González, que celebraron o arranque do funcionamento do vivero invitando ao uso do mesmo. «Neste momento temos 3 despachos totalmente equipados para que a nosa xente poida iniciar a súa empresa» dixo o Alcalde, lembrando que poden optar aos servizos do viveiro non só empresas de nova ou recente creación, senón tamén como é o caso de Sandra Chao, aquelas empresas que aínda estean en proceso de constitución.
Para máis información poden consultarse as bases na web ou no taboleiro municipal ou dirixirse á Concellería de Xestión Urbana, Medio Ambiente e Promoción Económica a través do mail emprego@silleda.es.