Silleda, 11 de agosto de 2017. O Concello de Silleda a través da Concellería de Turismo, que dirixe Ana Luisa González, estudia a posibilidade de levar ao mosteiro de Carboeiro visitas teatralizadas a fin de continuar promovendo o coñecemento arredor deste emblema histórico e patrimonial.
A concelleira mantivo xa un encontro cos membros de Limiar Teatro, que formularon xa “unha interesante proposta que agora estudiaremos de cara á súa posta en marcha”, engade.
A posta en escea de distintos episodios vinculados á historia do mosteiro benedictino, lendas coma a da Ponte do Demos, ou a importancia da zona durante a chamada febre do wolframio. “Cremos que pode ser unha forma amena e distinta de descubrir e coñecer a historia e importancia deste mosteiro e o seu entorno en distintas épocas”, engade a concelleira, sinalando que a proposta para realizar visitas teatralizadas “daría un plus á hora de divulgar Carboeiro, un dos referentes turísticos do interior de Galicia que cada ano visitan milleiros de persoas”, engade.
Estase a barallar a posibilidade de, de materializarse a proposta, estableceríase un periodo para a realización das visitas, prevendo tamén visitas específicas para grupos e colectivos locais así coma escolares.ntes.
O mosteiro segue a bater récords de asistencia cada ano, co aumento de visitas non só durante os meses de verán. “Cada vez son máis as persoas e grupos que nos visitan e disfrutan do mosteiro e do seu entorno”, engade Ana Luisa González.
Coro e Orquestra do curso “Tamara Brooks”
Por outra banda o mosteiro de Carboeiro acolle mañá sábado ás 20:30 un dos concertos do prestixioso curso de de verán “Tamara Brooks” que se está a celebrar na localidade de Tui dende o pasado día 2.
O concerto de música clásica reunirá a preto de medio centenar de alumnos/as e profesores do 28 Curso de Verán de Dirección, Canto, Coro e Orquestra. A entrada é de balde.
Este curso de verán, que dende o ano pasado toma o nome da prestixiosa directora de orquestra estadounidense falecida en 2012, conta nesta vixésimo oitava edición coa participación de destacados directores.
Así están presentes Irene Gómez-Calado, afincada en Francia, e que entre outros é directora da filármonica Grands Écoles, entre outros, o prestixioso director Fernando Malvar-Ruiz, director do coro infantil American Boychoir, e Julio Domínguez, director do coro de música clásica Camerata ad Libitum, que organiza este curso. Ao piano/órgano estará Rasa Biveineniene-Jakutyte.