Silleda, 22 de decembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o presidente da Federación Galega de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias (Fagal), José Manuel Fontenla, clausuraron hoxe o ciclo de talleres da Rede Paraguas para enfermos no que participaron 10 silledenses dende o pasado mes de outubro.
O alcalde, Manuel Cuiña, amosou a súa vontade de continuar colaborando coa entidade para “poder contar o vindeiro ano con estes obradoiros, que tan bo resultado deron e que axudan tanto aos enfermos como ás súas familias”. Así, dende Fagal elaborarase un proxecto específico para Silleda co fin de dar continuidade a estas actuacións, ata o de agora a través do programa Paraguas, financiado pola Fundación Barrié.
“En Silleda temos a día de hoxe 80 veciños e veciñas que por desgracia están aqueixados de Alzhéimer e de outras demencias, polo que consideramos que este tipo de atención é moi beneficiosa”, sinala Cuiña que agradeceu o traballo realizado dende Fagal e destacou a aposta do Concello de Silleda para avanzar na ansiada construcción do Centro de Día, xa con orzamento para o vindeiro ano.
Pola súa banda, José Manuel Fontenla, indicou que estes talleres dirixidos aos enfermos axudan moito a frear os efectos da enfermidade, ao tempo que serven para dar un respiro ás familias.
A colaboración do Concello de Silleda con Fagal iniciouse con unhas charlas informativas sobre a enfermidade e continuou co programa da Rede Paraguas, primeiro co curso para coidadores/as e despois co dirixido aos enfermos, que se desenvolveu dende o pasado mes de outubro con 24 sesións celebradas na Casa da Xuventude.