O Concello extende a rede da traida de auga municipal á parroquia de Chapa

 

Silleda, 22 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda continúa a extender a rede da traída municipal de augas ao rural do municipio. Así, hoxe comezaron os traballos para ampliar a rede á parroquia de Chapa, conectando a traída que hai dous anos se levou ata a parroquia de Manduas.

As obras estanse a realizar na estrada que vai dende Chapa a Medelo. Alí instalarase preto de un kilómetro de tubería, dende o cruce de Andamollo e A Moa ata a intersección coa estrada nacional N-525, en Chapa.

Unha vez rematada a apertura das zanxas, procederase á colocación dos máis de 900 metros de tubería e á conexión coa rede.

O alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe visitou o lugar acompañado do concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey, explica que esta actuación se realiza agora aproveitando que en breve se levará a cabo a mellora deste vial entre Chapa e Medelo, a través dos fondos que lle corresponden a Silleda polo Plan Marco.

“Con esta obra continuamos coa liña iniciada por este goberno municipal para levar a traída municipal de aguas ao rural de forma progresiva, comezando polas que están máis preto dos dous núcleos urbanos do municipio”, explica.

Así, e grazas as obras que se realizaron a finais do ano 2012 a través do Fondo de Compensación Ambiental para levar este servizo aos lugares de Andamollo, Quintela e Vilaverde, en Manduas, agora a rede continuará extendéndose á veciña parroquia de Chapa.

Unha vez rematadas as obras os veciños máis próximos poderán xa conectarse de inmediato.

“A dotación de servizos básicos coma a traída de augas no rural é seguirá sendo un dos nosos compromisos cos veciños e veciñas”, lembra o alcalde.

 “Esta actuación vén sumarse a outras comas as realizadas en Saídres, Taboada, Ponte, Cortegada, O Castro e tamén en lugares como Toxa, que pese a estar moi preto de Silleda levaban durante moitos anos reclamando este servizo”, explica.

Cuiña advirte que dende o Concello de Silleda se vén realizando un grande esforzo inversor para poder ofrecer “aos veciños e veciñas que residen no noso rural este servizo”.