Os acordos garanten novas prazas de aparcamento que compensan as retiradas no núcleo central, onde a circulación está limitada a residentes
A alcaldesa Paula Fernández destaca a importancia da colaboración público-privada para o crecemento da comunidade
O Concello de Silleda dá un paso decisivo para mellorar a dispoñibilidade de aparcamento e reformular o espazo público no centro urbano de Bandeira coa firma de dous convenios clave. Estes acordos aseguran a cesión de dous solares situados na esquina entre a rúa da Feira e a rúa Lourás, garantindo novas prazas de aparcamento que compensan as retiradas no núcleo central, onde a circulación está limitada a residentes.
Os convenios, asinados con Urbanizacións do Deza, S.L. e D. Antonio Domínguez Garcia, aseguran que estes espazos estarán dispoñibles para uso municipal de aparcamento “mantendo e mellorando a intensidad de estacionamento nesa zona” , engade a alcaldesa e responsable de Xestión Urbana, Paula Fernández.
Espazo para un skate park
Con estes dous novos acordos, o Concello consegue dispoñer para uso municipal de case toda a mazá formada pola rúa do Entroido, rúa da Feira e rúa Lourás, onde xa existía un solar cedido hai uns anos. Neste último espazo, está prevista a instalación dun skate park con recursos propios, ampliando así a oferta de lecer para a mocidade e consolidando un proxecto de revitalización urbana.
Ademais, o Concello, grazas ao convenio asinado hai xa un ano coa familia titular do terreo coñecido como Finca de Pichel, facilitará o aparcamento na zona da rúa Ramón de Valenzuela. Trátase dunha área moi concorrida pola proximidade a entidades bancarias, supermercados e cafeterías, mellorando o acceso e a mobilidade nesta zona da vila.
Todas estas cesións completan unha inversión extraordinaria no centro urbano de Bandeira, “que non só reformula o espazo público para darlle maior protagonismo aos peóns, senón que tamén mellora as condicións para a celebración da feira os días 14 e 29 de cada mes, transformando a zona nun punto de referencia para o comercio e a actividade social”, explica Fernández Pena.
A alcaldesa de Silleda destaca ademais que “estes convenios son fundamentais para o desenvolvemento dunha nova estratexia urbana que beneficia tanto a mobilidade como a vida social e comercial de Bandeira”, e agradece publicamente ás familias as cesións de todos estes espazos, que van permitir “disfrutar desta Bandeira renovada, na que as persoas estarán sempre no centro”. Subliña, así, a importancia da colaboración público-privada para o crecemento da comunidade.